Skip to content

FlashFicFeb 2022: Retrospectiva

Durante este último mes de febreiro obrigueime a escribir un relato curto cada día. A idea non foi miña, foi cousa de seguir o Flash Fiction February que fai o Storytelling Collective cada ano. De feito, o ano pasado xa o tentara, pero só dera escrito seis antes de deixalo.

Este ano propúxenme ir en serio todo o posíbel e cheguei á fin sen perder un só día… máis ou menos. Por veces acumulábaseme o de onte e tiña que escribir dous, pero nunca permitín que pasara diso e chegar a ter tres pendentes. Tamén houbo días nos que fixen algo de trampiña e os contos son máis ben pequenas performances pop. Entre elas, Tormenta, Sentidos, Maxia ou Credo, a máis rara e friki de todas. Preferín facer iso a que se agolpasen sen fin e arruinar o plan. Outros días os contos saíron estraños mais foron feitos a mantenta para explorar novos xeitos de contar, como Lexenda, Loita ou Soño, no que relato literalmente o que soñei a noite anterior.

En xeral fiquei bastante contento. A algúns deles téñolles moito cariño, como Pervinca, Cor, Arte urbana, Ánimo, Anonimato, Cidade… Pero tampouco foi todo marabilloso, que va! Desaproveitei algunhas historias por non saber como plasmalas correctamente. Quedei insatisfeito co resultado de Criatura, Xuramento (II), Explora

Pero é incríbel como me foi costando menos pensar e artellar. Obrigarse a escribir cada día funciona. O cerebro queda xa entrenado e engraxado dun día para o seguinte. Aínda así, para sorpresa de ninguén, canto máis tempo tiña, máis podía traballar e rescribir e mellor saía todo. (A segunda quincena do mes cadroume no medio dunha mudanza de cidade: reducíuseme o tempo e saíron os contos máis perralleiros. Pero eu esforceime ao máximo!)

Sacar vinte e oito contos de golpe fai que por veces me esqueza de algúns e cando volvo sobre eles e os leo, éncheme de orgullo e sorpresa ver o que fixen. Mesmo cos peores! E véndoos todos xuntos, é curioso observar o influxo inevitable de Neil Gaiman, o meu escritor favorito. Medio consciente, medio inconsciente, fixen case todas as historias sobre pequenas mostras do sobrenatural entretecidas con vidas correntes. Supoño que é a miña marca da casa!

A iniciativa prestoume moito, a verdade, e se alguén quedou tentado convídolle a probar o ano que vén. O feito ese mes queda xa como unha das miñas pequenas fazañas. Se ledes algún dos contos, vide contarme as vosas impresións!

PD. Si, Concentración está *inspirada* en feitos reais, pero non foi así exactamente que me sucedeu 😉


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.