Skip to content

Pervinca

—Pois a min paréceme violeta.

Nunca se lle deran ben as cores. Ou, polo menos, iso cría eu ao comezo. Co tempo, comecei a decatarme de que as cores diferenciábaas de sobra e os nomes lembrábaos sen problema. Pero non quería usalos.

—É pervinca. Como a flor. A que temos no porche.

Coa que máis teimaba era coa cor salmón. «Tráeme o vestido salmón», dicíalle, e el facíase o parvo. Marchaba paseniño e voltaba sorrindo co vestido gris que levei á voda da miña prima. Sempre esperaba a que torcese a cara antes de retrucar. «Os salmóns de piscifactoría son desta cor, ou a que te referías?». Logo saía correndo antes de que eu puidera atrapalo. Perseguíao por toda a casa ata acabar bicándonos no sofá.

Á volta do funeral, ao entrar na casa, miña nai quixo facerme un cumplido e comentou:

—Sempre me encantaron estas flores. Son pervincas, non?

Mentres os ollos se me enchían de bágoas, respondinlle:

—A min parécenme violetas.


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado pola palabra semente Very Peri.