Skip to content

Cidade

Os pitidos dos coches asoballaban a rúa, pero o cabalo non se movía. Chantado no medio da estrada, miraba indiferente ao seu redor. Mastigaba nalgo; o que, era imposíbel de dicir, xa que non había pasto ningún cerca.

O tránsito colapsou no cruce próximo. Alertadas polo bloqueo dos vehículos, máis e máis persoas se achegaban a mirar. Algunha tentou achegarse ao animal con cautela. Porén, a estrañeza de veren un cabalo, ceibe pero calmo, no medio e medio da cidade, freáballes de dar eses pasos finais que os separaban del.

A policía estaría sen dúbida xa avisada; ou protección civil; ou a consellería de medio ambiente; ou quen fose que se encargaba destas cousas. Pero, polo momento, alí non había autoridade ningunha. Excepto o cabalo, que dalgunha forma estaba a governar nestes momentos sobre a rúa e a estrada. E alí non se ía mover coche ningún.

Pasou o tempo e o sol comezou a baixar. Para se protexer do frío, o cabalo aconchegouse no chan co gallo de absorber ben a calor que aínda tiña o asfalto. Aquilo parecía ir durar. Nese momento, as xentes, aínda recelosas de se achegaren moito, improvisaron pequenos campamentos a uns coidados metros de distancia. Uns fixéronno para levarlle auga e comida, particularmente terróns de azucre. Outros, para tentaren facer caixa tocando cancións e vendendo retratos do animal. Os máis, para simplemente gozaren dunha situación inesperada e entrañable.

Caeu a noite e o cabalo seguía aí. Os coches xa había tempo que se desatascaran sós, dando rodeos por outra parte. As pregoadas autoridades seguían ausentes. A meirande parte do público deu por marchar ante a falta de novidades. Apenas quedaron os máis animalistas ou ociosos, amodorrados sobre os ukeleles e os mantuxos, cansos tralo longo día.

Cando amenceu, o cabalo xa non estaba. Desde o concello dixeron que fora a Xunta, na Xunta apuntaban ao Goberno, e no Goberno que se estaba a investigar. Os coches volveron transitar pola rúa.


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado pola palabra semente City.