Skip to content

Criatura

A tecnoloxía para editar humanos ao gusto levaba anos existindo, e desde entón aquilo fora o caos. Os pais pedían fillos máis competitivos, máis ambiciosos. Implacábais, voraces, tiburóns que se foran comer o mundo. Nun par de xeracións consumouse a tendencia. Naquela altura, a humanidade consistía xa só en persoas que apenas miraban por elas mesmas, dispostas a todo. El era un deses.

Tiña sen dúbida a falta de escrúpulos coa que fora deseñado. Desde o seu posto como xefe dun dos principios laboratorios de edición de xens, daba o visto e prace final aos cigotos. Pero antes, engadía as mudanzas que el querían sen ninguén o notar. Sentíase co dereito. Sentíase coa obriga.

Milleiros de bebés nacían cada ano coas mutacións que el engadía ás agochadas. Os pais miraban orgullosos aos seus nenos sen saberen o que portaban realmente no interior. Vivían enganados.

Asegurábase, ademáis, de que eses xens fosen hereditarios. O seu ambicioso plan: que esas mutacións cubrisen o mundo enteiro. Desde as sombras, orquestaba unha nova e irrecoñecible humanidade.

O cúmulo do ego, talvez, é que el xamáis chegaría a velo, mais estaría presente en certa forma. Un anaco dous seus xens estaba en todos aqueles fetos. Cando facía as edicións, insería un pedazo moi particular e practicamente inédito naqueles gametos.

Traballaba horas de máis facendo as mudanzas e borrando as súas pistas. Recreaba os seus xens, escollía coidadosamente o segmento, substituíao e borraba as probas. Noite tras noite. Non sabía cando sería detectado, non sabía sequera canto seguiría vivo. Tiña que apostalo todo.

Nun extraño caso de monstro que se sabe monstro, era consciente de que a competitividade inclemente da humanidade, a mesma que lle facía xustificar os medios polo fin, acabaría por ser a súa condena. Non sabía por que el parecía ser o único que se decataba, nin que erro na súa concepción lle dera a capacidade da empatía, pero sabía que tiña que regalarlla ás seguintes xeracións.

Secou o suor da fronte e seguiu a inxertar os xens da bondade nos cativos do futuro.


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado pola palabra semente Creature.