Skip to content

FlashFicFeb 2023: Retrospectiva

Neste mes de febreiro tentei seguir de novo o Flash Fiction February, como completara o ano pasado e como tentara por primeira vez en 2021. Xa que estou a escribir a retrospectiva a metade de mes, suporedes que abandonei antes de tempo. Mais deixade que explique a situación.

Cando me seduciu a iniciativa o primeiro ano, pensei que me ía servir para tres cousas. Vencer a vergoña de publicar: a excusa de que teñen que ser relatos rápidos e feitos no mesmo día serve de parapeto para as obras que saen mediocres. Romper a parálise: a vacilación ante a propia habilidade queda en segundo plano cando tes o reloxo correndo. Finalmente, obter ideas: ao che propoñeren sementes cada día, tes sempre un punto de partida que suaviza a barreira da folla en branco.

Porén, xa non penso sufrir deses problemas. Non todo o que fago é fabuloso, pero impórtame menos publicar algo peor, superado pola simple ledicia de estar escribindo. Levo xa dous anos a publicar de cando en vez e síntome máis rodado. E para rematar, últimamente estou cheo de ideas que quero explorar.

É xustamente ese derradeiro punto o que precipitou os acontecementos. Este ano as sementes son demasiado concretas e demasiado repetitivas e víame tirando moi a miúdo das miñas ideas na recámara, que son ademais as que me motivan e devezo por sacar ao papel. Pero merecen ser tratadas con máis lonxitude, máis cariño e máis tempo do que o FlashFicFeb permite. Xa que logo, vou tentar dedicar o pouco tempo que teña para puílas e exploralas todo o posíbel. Sempre me queixei de ter problemas con formatos máis longos e agora parece que o maxín me pide xustamente traballalos. Teño que aproveitar.

Así que vou parar aquí, tras esta ducia de relatos, e vou ir explorando as ideas da recámara coa dedicación que merecen, ao meu ritmo. Conste que eu sigo a recomendar o FlashFicFeb a quen se vexa na posición na que estaba eu cando o precisaba; simplemente, ese xa non son eu.

Grazas a todes es que lestes nos días pasados. Ficade atentes que virán máis cousiñas. Aquí embaixo vos deixo ligazóns aos once contos con pequenos comentarios do director.


O elixir de inmortalidade

Comentarios

A idea xurdiu mesturando a semente cunha outra idea que tiña anotada: «un bo exánime [liche]», levándome a alguén que volve tras de morto a ver con orgullo o ben que o fan os seus descendentes. Pero logo lle din a volta na liña de Trovadoresca de Blanca Fernández porque teño tendencia ao tráxico.

No final orixinal, o rei recibía ademais unha malleira das outras persoas que foran mortas e experimentadas, que o estaban a agardar no alén. Pero pensei que lle quitaba importancia ao horror existencial da condena, que coidei máis interesante.

Suxeríronme tamén que o rei apenas puidese facer cousas inconsecuentes, como mover cadeiras pola noite unha vez ao ano, estilo trasno. Non estaba mal tampouco, a verdade. Podería acentuar a desesperación de tentar comunicarse.

Correos Federados

Comentarios

Esta era unha vella idea (que teño comentado con @viriato) de que Star Trek é unha visión moi militar e moi ianqui da presenza humana no espazo. (El coida que, máis ben, vén da tradición literaria do imperio inglés de recrearse na súa frota dominando os mares e levando civilización, idea tan ben inspirada que non me atrevo a discordar).

Así que me atrevín a pensar como un organismo así pode xurdir dunha forma máis civil, en ambos sensos. No fondo, é a mesma tradición que vén xa desde Mortadelo e Filemón de coller un xénero e baixalo á vida real, aunque eu prescindín de chegar ao extremo cómico.

Eu tomei como modelo o caso do Ministerio do Tempo, apenas funcionarios axudando á xente e facendo o seu traballo, sen épica innecesaria… sobre todo en contraste co remake que fixeron nos EUA onde está o exército polo medio e é todo moi patriota.

Non descarto revisitar este universo, que lle tiña ganas.

A frautista

Comentarios

Ademais da frase semente, para este usei unha nota que tiña na miña lista de ideas para relatos que dicía: «Frauta que só poden tocar os franceses». Caro amigo, non sei que carallo quixen dicir con iso nin de onde o saquei 😅

Así que desbotei todo agás a idea dunha frauta e de ambientalo en Francia.

Tamén tentei facer un conto que non tivese elementos máxicos nin fantásticos, por exercitar un pouco outros músculos, que parece que sempre escribo do mesmo.

A casa do terror

Comentarios

Este ano como vedes todas as sementes que dan son de Lovecraft, así que me decatei que tería que darlles un xiriño para que non saise todo paranormal/de medo. Esta foi a miña primeira tentativa de reinterpretación cara outro xénero.

A estrutura non é innovadora, seino… de feito é a mesma que usara hai dous anos case exactos! Mais, ben, cando o relatiño é tan curto ou xogas coa sorpresa ou queda algo coxo. Eu quedei satisfeito, sobre todo do *como* está escrito.

Pola Vía da Prata

Comentarios

A inspiración directa deste conto foi un post de Reddit de hai un par de semanas antes.

Pensei enseguida na base: un home sube a un tren en Xixón cara Sevilla e bota horas de máis completamente só. Pero non sabía como resolvelo. O túnel de Payares levábao a outra dimensión? Atascado no tempo? Soño de Resines? Comenteillo á miña moza e díxome: «e se o mesturas con algo tipo Ten Candles?».

Ten Candles é un xogo de rol de terror tráxico nun mundo onde se fai a escuridade e chegan uns seres malévolos vagamente definidos. Aceptei o reto encantado porque o terror é un xénero que me prestaría escribir máis e mellor, e roubei ambas ideas: a noite que non se vai e a figura lovecraftiana. Ademais así respectaba un pouco o fío deste ano. Só lamento que ao final o tema do tempo quedou moi pouco presente, pero non quería desbotar o conto enteiro, que quedara satisfeito.

SFG-1983

Comentarios

Si, este é un informe ao estilo da SCP Foundation! Levaba moito tempo con ganas de escribir algo semellante; de feito teño todo un universo pensado ao seu redor. Así que seguramente veredes máis ao respecto da SFG no futuro.

Ata este punto aínda respectaba as sementes como inspiración, pero comezaba xa a fartarme de que fosen tan concretas e do mesmo xénero, facíaseme repetitivo. Así que foi aquí onde rompín co de usalas como título do propio relato por seren tan barrocas. Unha vez abandonei a intención de rematar o mes, volvín e retitulei tamén as primeiras.

A foto de perfil

Comentarios

Deses días onde tiña pouco tempo, que sempre hai algún e aproveito para practicar formatos máis curtos.

De novo interpretando moi libremente a semente.

Por desgraza, a historia está baseada en experiencias vitais propias.

A travesía

Comentarios

Buf! Vaia choio me deu esta. Unha das miñas espiñas é non ser quen de traballar formatos tan longos, así que me forcei a practicalo. Os diálogos tampouco son algo que faga moito, e tentar que cada personaxe teña a súa voz recoñecíbel foi todo un esforzo.

Día de reto, sen dúbida; pero buscado, tamén vos digo. Ten pouca relación coa semente: é directamente unha idea que tiña desde a cabalgata de xaneiro: os tres reis magos representados por tres reis reais da historia: Afonso X, Mansa Musa e Kublai Khan. De feito, a frase inicial («Naiciña querida, que viaxe máis horrorosa…») é uma homenaxe ao libro Las Tres Reinas Magas, de Gloria Fuertes, que comeza de forma semellante («Madre del amor hermoso, qué viaje tan horroroso»). 

A idea de iren na busca dun pegaso veume de estar escoitando Sincronía Pegaso de Javiera Mena. Moi prosaico. Inicialmente o pegaso íalles dar a cura contra a Peste Negra, pero finalmente desboteino. Era moi macabro co curriño que me estaba a quedar.

Por iso foi que fixera que chegasen a Oceanía e non a América como era a miña primeira idea: atopei nunha web magufa que o eucalipto axuda contra a peste bubónica… manda carallo.

Só por clarificar: o kiwi foi de China para Nova Zelandia e non ao revés. Iso tamén foi licenza poética da ficción.

O poder da escuridade

Comentarios

Máis que un relato, é unha reflexión. Un exercicio de worldbuilding potencial. Algo que penso aproveitar nalgún outro momento. Pero ten un algo de ficción, así que coido que conta. A idea do FlashFicFeb, ao final, é obrigarte a escribir cada día e explorar ideas, así que o espírito penso que o respecta. Psé.

Coidado coas cabezas!

Comentarios

O argumento é claramente inspirado en Astérix e na habitual frase daquilo ao que tanto medo tiñan. Máis directamente, como a escena da meiga referencia, ao álbum do adiviño que lles visita.

O de tentar evitalo con parrandas, mira ti, foi inspirado por unha carta de Magic: the Gathering, Gália da Dança Infinita, cuxo debuxo sempre me prestou moito.

(Tentei pedirlle a DALL·E que a imaxe fose no estilo de liña clara para tamén homenaxear a Tintin, pero todo o que sexa pedirlle saír dos referentes anglos é imposíbel.)

Gaivotas

Comentarios

Para ese día espertara querendo escribir sobre unha idea da miña lista, pero tiña tan pouco a ver coa semente que me deu ata vergoña. Ademais non teño o final claro e vía que se me ía pasar de lonxitude e tempo. Os alicerces da decisión do día seguinte de abandonar. Se non vou obedecer as sementes, a lonxitude nin o tempo, para que carallo o fago?

Total, que improvisei esa historia de cero. Orixinalmente Viruca ía subir no dron sen a muller notar, pero era moi inverosímil que non o baixase inmediatamente ao decatarse. Así que preferín facer que fose a mantenta, que queda máis curriño. Por certo que o de poñerlle nome foi simplemente para non repetir «a gaivota» todo o tempo, especialmente cando aparece a «gaivota mecánica».