Skip to content

A foto de perfil

Como tantas veces nestes últimos días, Marta entrou no perfil de Lucía.

O seu sorriso na foto de perfil tíñaa engaiolada. Tan leda, tan vivaz, con ese brillo nos ollos…

E como cada día, levou o rato cara o botón de deixar de ser amigas.

Pero non se animaba a premelo. Sentíase mal por querer facelo, como se a estivese deixando atrás.

Pero aquela foto, na que Lucía estaba tan viva, era unha dolorosa lembranza da traxedia.

Non quería esquecela, só deixar de vela nas galerías autoxeradas, nos lembretes de «hoxe hai un ano…», de que o seu recordo aparecese de súpeto e lle amargase de novo o día.

Pensou que ela o entendería se puidese explicarllo, pulsou o botón, e botouse a chorar.


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado polas palabras semente Unnatural life in a picture.