Skip to content

Correos Federados

A chegada do servizo de Correos sempre era benvida nos planetas máis afastados das rutas habituais.

O Corpo de Correos Federados, sección espacial (ou Astrocorreos, ou simplemente, o Correo) era a única liña de transporte fiable entre moitos destes asentamentos remotos. Como tal, non só se encargaba de entregar paquetes. Tamén ofrecía servizos financieiros, médicos, enxeñeiros, bioformantes, asesores e xenodiplomáticos. Era a encarnación de todo o compendio de coñecemento humano. A Wikipedia metida nunha nave.

O como chegou a ter unha posición tan crucial tivo máis de orgánico que de deseñado. Cando as primeiras colonias de longa duración se estableceron en Marte, o sector privado axiña se desentendou de ofrecer máis do que os servizos puramente lucrativos. As aldeíñas protestaron ante a ONU e argumentaron que tiñan dereito aos mesmos servizos básicos que a xente na Terra. Envío e recepción de correo foi a esixencia fundamental: moitas cousas non chegaran aínda a Marte e precisaban ser importadas. Ademais, ata aquel momento, o que nun lado de Marte se producía, chegaba ao outro tras pasar polas bases da Terra, nun rodeo absolutamente innecesario.

Naquela altura, as vilas de Marte aínda estaban fortemente asociadas aos seus países de orixe, e moitos deles ignoraron as demandas das súas colonias. Porén, no ámbito europeo logrouse a aprobación dunha normativa europea que obrigou a Francia e Alemaña a fornecer de paquetería regular aos asentamentos de Marianne e Neue Köln. O subdepartamento, inicialmente asociado á Axencia Espacial Europea, acabou pasando a depender dos servizos estatais de correos cando se percibiu que as sinerxias loxísticas eran maiores.

Foi por iniciativa interna que o correo comezou chegar a vilas ás que nin sequera tiña que entregar nada, simplemente polo altruismo de comprobar que todo seguía a ir ben. Alí, tan lonxe e illado, collíase moito cariño á xente. Mais todo mudou tras un incidente con auga indebidamente destilada, salvado apenas por unha funcionaria que estudara xenoviroloxía antes de facer oposicións. Unha coalición política xurdida do parlamento sueco, aproveitando a planeada creación do posto comercial de Marsköping, promoveu a aprobación de comitivas de contacto constante. A súa proposta comezaba por oficializar estas visita do servizo de correos, houbese ou non entregas e recollidas contratadas, tal e como se viña facendo de maneira oficiosa. E, máis relevantemente, expandía o habitual equipo de carteiros convertíndoo nun pequeno séquito que puidese solventar calquera problema presente pola imprevisibilidade do espazo. Incluía, obviamente, equipo médico, pero tamén expertos mecánicos, avogados, psicólogos, traballadores sociais… un verdadeiro cortexo.

As anteriores naves, lixeiras e de ampla adega, centradas no reparto rápido, deron paso a buques con cuartos capaces de aloxar xentes e necesidades moi diferentes. Instaláronse salas de operacións, laboratorios de análise, bibliotecas, talleres. A estrutura do funcionariado a bordo ampliouse e xerarquizouse, dividida en negociados. As oportunidades de promoción estallaron, dando lugar a Academias oficiais especializadas no estudo para formar parte do Corpo de Correos, agora con oposicións específicas. E é que algunhas das naves xa nin sequera atendían paquetería apenas: facían a ronda por diversos lugares, ou baixo demanda, segundo as peticións de auxilio chegaban dos cadrantes máis remotos.

En definitiva, o servizo de correos era a liña de vida que mantiña unidas a todas as formas de vida que vivían baixo a Federación. A tranquilidade de saber que non se estaban a esquecer de ti e que sempre podías contar coa súa axuda. A cabalaría chegando no momento xusto. Por iso, o seu retorno era sempre benvido e motivo de ledicia.


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado polas palabras semente Return of body.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.

  1. Mencionado por Xurxo Diz Pico

  2. pingback FlashFicFeb 2023: Retrospectiva – xurxodiz·eu