Skip to content

Reto

—Veña, salta! —berrábanlle as nenas mentres Tareixa ollaba desde o bordo de aquel half-pipe—. Salta xa!

Tareixa miraba e miraba e canto máis miraba máis alta lle parecía a estrutura. Abrazaba o patinete como se fose o único obxecto atado á terra, o único obxecto ainda submetido á gravidade, e ela fose un globo a piques de saír voando cara a estratosfera.

—Salta, non o penses!

Tareixa pechou os ollos. De pé sobre o patinete, pensou que nunca antes fixera nada que lle dera tanto medo. Pero algo dentro dela sabía que, se chegara ata alí, agora tiña que botarse abaixo ou se ía arrepentir. Resignouse a que ía partir a crisma, suspirou, e colleu impulso cara adiante.

O metro escaso de baixada fíxoselle curto, e a breve suba de adrenalina deixouna con ganas de máis. Non tivo tempo nin a sorrir antes de botarse outra vez cando as nenas chegaron correndo a abrazala.

—Ves avoíña? Ves como era divertido?


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado pola palabra semente Challenge.