Atopábase nun inmenso baleiro, con chan pero sen teito nin ceo. Un espazo branco neutro interminable. A cada un dos seus lados, unha sucesión longuísima, infinita, de mobles. Sempre o mesmo, con tres o cuatro andeis. De madeira alaranxada. Un pouco máis altos ca el. Copiados e pegados sen fin.
Nos mobles había libros. De moitas cores e tamaños. Percorría o corredor de mobles buscando algo. Non tiña claro o que era. «Coñecemento». Iso era toda a pista que tiña. Recoñeceríao cando o vise.
Nunha das veces que estarricou a man cara un dos mobles, non recoñeceu a súa pel. Era máis clariña e con pencas. Deu un chimpo e o cabelo caeulle dos ombros. De súpeto, era longo, rubio e crespo.
Mirou de novo á fronte. Agora estaba nunha casa cuxo centro eran unhas escaleiras infinitas, subindo e baixando nunha espiral cadrada. Había dúas persoas, persoas a quen tiña cariño, pero non recoñecía. Rían e chamaban por el… ou era ela agora? Polas fiestras asomaba o sol temperán da mañá. Sentíase cómoda, pero algo faltaba.
Espertou. Volvía ser el. Respirou aliviado. Esperaba que, fose quen for a dona da mente na que se entrometera, atopase ese coñecemento que procuraba.
Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado pola palabra semente Dream.
Mencionado por Xurxo Diz Pico