Skip to content

Explora

Asi dicía a campaña do concello animando á xente a camiñar e coñecer a cidade. Explora! Como se a cidade fose unha terra ignota, unha selva mesta, un glaciar agreste. Unha xungla urbana. Dani quedou mirando para o anuncio mentres agardaba polo bus e pensou: por que non? Comezou a andar para casa. Non estaba tan lonxe.

O concello tiña razón. Cando a xente pasa tantas veces polo mesmo sitio, deixa de reparar nel. Camiñamos co piloto automático posto! Cumpría facer o esforzo de ollar en redor e redescubrir a nosa contorna. Así que decidiu ir pola ruta escénica e atravesar o parque. Era un bo comezo.

Cando ía á escola xogaba moito nese parque. Pouco mudara desde entón. O primeiro que notou foi que polo medio das herbas crecían pequenas flores amarelas. Estiveran sempre aí? Lembrou deitarse naquel céspede e xogar a iso das películas de verlle formas ás nubes. Nunca atopaba ningunha interesante. Aquí, se forzaba un pouco, podía ver as flores distribuídas nunha especie de frecha que sinalaba cara un dos bidueiros. Unha manchea de avelaíñas danzaba en enxame ao seu redor. Dani sentiu a tentación de quitar unha foto para Instagram, pero contívose.

O parque terminaba nun enorme cruce de rúas con catro pasos de peóns. Vaia marabilla a marabunta que alí se xuntaba. Cantas caras e cantas historias! Unha muller suaba preocupada mentres falaba por teléfono. Un home lía, enfrascado no seu libro, e case era atropelado por non mirar. Unha nai rifaba no seu fillo por tocar un semáforo avariado. Mirou para todo o mundo ata cruzar miradas cunha rapaza ao outro lado da estrada. Sorríronse. Talvez ela tamén estaba a explorar a cidade? Perdeuna de vista na multitude. O último que viu foi como se colocaba o cabelo tras das orellas, que por certo eran particularmente puntiagudas.

Dani estaba a alegrarse de decidir camiñar a casa cando comezou a chover a caldeiros. E o paraugas na casa! Foise protexendo como puido. A meirande parte da xente tamén fora collida desprevida, sen roupa de chuvia, e corría gorecerse resignada e enchoupada. Baixo dun portal, Dani veu pasar un rapaz negro en suadoiro. Debía ser dun novo tipo de tecido impermeable, pois non parecía mollado en absoluto. Ata os seus cabelos rizados semellaban completamente secos!

Amainou un pouco por fin e Dani apurou o tramo final. A ruta chegaba ao seu fin. No canto da súa casa había unha pequena pescaría, das que xa quedan poucas. Diante, case como nun debuxo de libro de texto de inglés, estaba un gato sentado a relamberse. Dani riu e fíxolle un aceno ao micho segundo entraba ao portal. Para a súa sorpresa, miañou de volta. Se non fose imposible até xuraría que lle respondera «garda o segredo!».


Escrito orixinalmente para o Flash Fiction February, inspirado pola palabra semente Explore.