Skip to content

Xogos

Rol en galego

Irmandades do Dado

Fundei canda outres compañeires a, ata o de agora, única comunidade dedicada 100% ao rol en galego, as Irmandades do Dado. Sigo a ser un dos administradores.

De feito, se queres saber mais sobre as comunidades de rol na Galiza e o seu uso do galego ao longo dos anos, a miña palestra Días do futuro pasado: unha historia do rol en galego, feita canda Viriato Valdés na Hispacón 2022 é un bo lugar para comezares 🙂


Xalundes

Montei canda outres compañeires Xalundes, o primeiro e único repositorio dedicado 100% aos contidos de rol en galego. Sigo a ser un dos administradores.


Menos samba e máis trabalhar

Menos samba e mais trabalhar é un hack de Lasers & Feelings no que os xogadores son axentes secretos en misión no Brasil durante o carnaval. Pensai en Austin Powers tentando ser profesional no medio da troula nas ruas!

Publicado en novembro de 2020, é o primeiro xogo da historia do rol en galego escrito na variedade internacional (tentando achegarme á variedade brasileira por razóns de ambientación).


Fate

Fixen as únicas traducións ao galego coñecidas da follas de personaxe de Fate Básico, Fate Acelerado e Fate Condensado, ademais da folla de referencia rápida de Fate Condensado. Están baseadas nas follas oficias de Evil Hat en inglés e pódense encher dixitalmente en calquera visor de PDFs.

Aproveitando esas follas, deseñei catro personaxes prexeneradas de Fate Acelerado para Star Wars Tango Squad, unha das miñas oneshot favoritas.

Tamén tres personaxes para una ambientación inspirada n’Os Segredos dos Gatos (pero ollo, non usan as mesmas regras que o libro!): Martini, Xacia e Oswaldo, baseadas nos gatos da miña moza 🙂

Por último, fixen traducións para o castelán das follas de Fate of Cthulhu:

E deseñei unha adaptación mecánica para imitar o inventario das aventuras gráficas.


Benfadado

Benfadado é un sistema pensado para a primeira toma de contacto cos xogos de rol de crianzas e adultos. Baseado en Fate. Descrito nunha soa folla.


Fiasco

Fiasco é un divertido xogo narrativo sobre persoas con moita ambición e pouco autocontrol. Escribín dous escenarios non oficiais en castelán que te convido a probar:

Tamén traducín ao galego as táboas de declive (tilt) e epílogo, e máis dous escenarios (ambos cunhas cantas mudas):


Ambientacións de rol variadas

  • Princesas Disney no espazo exterior!: as princesas Disney e a súa Flota de Princesas Unidas loitan contra o Sacro Imperio Galáctico do Emperador-Pontífice Frollo e o seu reinado heteropatriarcal de terror. Pensada para Thirsty Sword Lesbians, pero xogable en calquera sistema.
  • Blades In Ravnica: unha adaptación do plano de Rávnica (orixinalmente de Magic: the Gathering pero tamén editado para Dungeons & Dragons), para axeitalo como ambientación para Blades in the Dark. O dossier dun par de páxinas primeiro explica como era a Rávnica orixinal e despois os acontecementos que a levaron a ser un sitio onde unha campaña de Blades tería sentido. Contén equivalentes para case todos os conceptos de Doskvol e imaxes de inspiración.

Ferramentas de seguridade

Formalicei dúas ferramentas de seguridade para partidas de rol: o micrófono aberto, un limiar mínimo á altura da porta aberta, e a palabra X, unha adaptación do cartón X pensada para xogos en liña.


FoundryVTT

Son o principal desenvolvedor do paquete de tradución ao galego de FoundryVTT, o taboleiro virtual, que inclúe tanto traducións para o sistema base de Foundry como para sistemas como FateX e unha manchea doutros módulos.


Rol noutros idiomas

Depués d’Ochobre

Depués d’Ochobre é un xogo de rol situado nunha ucrónica República Socialista Soviética d’Asturies. Eu encargueime de escribir a aventura In Nomine Partis, que leva aos xogadores a se infiltraren no Concilio Vaticano II para investigar unha desaparición que pon en perigo as conversacións de paz entre a Igrexa Católica e a URSS.

A aventura está incluída na edición mecenado do libro oficial, que podes mercar na web de Ediciones Radagast tanto en castelán como en asturianu.


1984: Thoughtcrime

1984: Thoughtcrime é un xogo de rol ambientado no libro de George Orwell, onde a cidadanía vive un estado opresor omnisciente baixo eterna e continua vixilancia. Escribín dúas aventuras: Asuntos Internos, onde as personaxes interpretan a Policías do Pensamento con segredos que agochar, e Operación Ulysses, onde o único xogador ten que seguir a Winston, protagonista do libro, durante un día enteiro e recoller probas para a súa condea.

As aventuras foron editadas só na versión PDF para se enviaren aos mecenas do Kickstarter de Ediciones Radagast.


Xogos de mesa

Decimus

Decimus é o xogo de dado retromedieval deseñado por xogon.eu e máis eu para a game jam Afonso X e Galicia organizada polo Consello da Cultura Galega. É un cruce entre os lances de dados descritos polo rei no seu Libro de dados e o xogo do mus.

O xogo está pensado para poderse xogar en persoa, pero tamén se pode practicar contra a máquina nesta ligazón. Existe mesmo unha páxina oficial en itch.io (ainda que dá problemas xogar alí). Tamén fixemos un vídeo explicativo.


Itchy Feet: The Travel Game

Itchy Feet é un xogo de cartas no que haberás que compilar a equipaxe axeitada para viaxar por diferentes países. A tradución ao galego das regras do xogo escribina eu. Tamén a tradución dos nomes das cartas, que finalmente non se fixo pública para ningún idioma.