Skip to content

Como representar o inventario dunha aventura gráfica en Fate

No Telegram en castelán de Fate, un compañeiro dicía estar preparando unha ambientación para unha campaña baseada en Monkey Island. Entre algúns dos retos que iso supoñen, quería unha forma de representar o concepto do inventario tan típico das aventuras gráficas.

Varias persoas suxeriron diversas ideas con extras ou talentos, potencialmente facendo que cada obxecto atopado tivese unha característica ou habelencia particular. A min esa estratexia non me convence moito, porque supón pensar con antelación os obxectos que irán aparecendo (ou ser moi, moi bo improvisando) e darlles moitos obxectos aos xogadores para que non se cansen de usar sempre os mesmos.

Así que, reflectindo, pensei que quizais o truco estea non en ter moitos obxectos ao tempo, senón en ir rotándoos. Cada obxecto está representado por un tipo de aspecto especial, que chamaremos aspecto fráxil. Un aspecto fráxil créase sempre cunha invocación de balde e non se lle poden engadir máis, nin forzar. Cando unha personaxe adquire un obxecto, engade o correspondente aspecto fráxil á súa ficha. Normalmente o inventario dunha personaxe contén dous ou tres aspectos fráxiles.

Noa infíltrase na mansión da Gobernadora Marley. Cando cruza o xardín dianteiro, observa unha estatuíña perto das flores e métea no seu peto. Anota no inventario da súa ficha un novo aspecto fráxil: Anano de xardín.

Co aspecto fráxil dun obxecto pódense facer unha de dúas cousas: gastar a súa invocación de balde para obter +2 nunha rolada, ou explotar o seu permiso narrativo para empregar o obxecto. Unha vez aconteza calquera desas dúas cousas, o aspecto quebra e o obxecto desaparece. Inventade algunha razón divertida pola que o obxecto xa non estea.

Noa segue avanzando polo xardín e uns cans saen tras dela. Decide tentar despistalos meténdose polas sebes. A súa rolada non é moi alta, así que solta o Anano para mellorala e ver se quedan trabando nel. Gasta a invocación de balde e a súa personaxe deixa os cans detrás pelexándose pola pobre presa. O aspecto quebra e Noa bórrao da ficha.

Por veces, abonda que o aspecto vire noutro que represente como o obxecto se vai desgastando ata finalmente desaparecer.

Máis adiante, Noa recolle unha Maceta con xeranios para encher o oco libre deixando polo Anano. Cando se atopa cun garda, rómpella na cabeza para facer máis estrés nun ataque. O aspecto fráxil reescrébese como Trozos de maceta. Máis adiante úsaos para facer de tope dunha porta blindada e entrar a coller un mapa. O aspecto muda en Po de arxila. Finalmente, usa o Po para debuxar un X no chan para os seus compañeiros, e o aspecto quebra de todo.

Deste xeito, abonda con que as personaxes teñan dous ou tres ocos, porque os irán liberando e enchendo de novo. E, asemade, podes deixar que calquera obxecto valla para calquera cousa xustificable en troques de pensarlles usos predefinidos porque, ao teren as personaxes varios obxectos ao seu dispor de cada vez, naturalmente usarán o máis axeitado de forma creativa.

Noa quere fuxir por unha xanela do primeiro andar. Por sorte para ela, durante a súa aventura foi collendo un Polo de goma, unha Pastilla de xabón e unha Mangueira. Ata a mangueira a un moble e deslízase por ela ata fóra, saltando ao final. Mentres a mangueira fica atada alá arriba, ela aterra coa boquilla na man e sae correndo. Troca o aspecto a Boca de mangueira.