Skip to content

O micrófono aberto e a palabra X

As ferramentas de seguridade no rol son un xeito de evitar que ninguén na mesa pase un mal momento. En Xalundes hai un bo resumo de varias das máis populares.

Neste artigo veño a propór dúas novas: o micrófono aberto, unha contrapartida á porta aberta, e a palabra X, unha variación sobre o cartón X.

O micrófono aberto

A porta aberta adoita considerarse o limiar mínimo de seguridade dunha partida de rol: unha declaración expresa de que calquera persoa pode deixar a partida en calquera momento sen dar explicacións e sen ser xulgada, vaia volver ou non.

Ben, pois do mesmo xeito que a porta aberta implica poder marchar con liberdade, o micrófono aberto implica poder expresarse con liberdade. Poder indicar que unha escena está a ser dura de máis, poder suxerir cursos de acción, poder axudar coas regras, poder ser un mesmo e falar (sempre con educación e respecto, abofé) o que che pasar pola cabeza.

A importancia do micrófono aberto reside en que, sen el, o resto de ferramentas (cartón X, semáforo…) quedan en auga de castañas. Se non te sintes libre de falar, dificilmente vas poder pedir que unha escena se salte ou rebobine… aínda mais, dificilmente vas poder xogar en absoluto!

O micrófono aberto danos o marco necesario para falar desas situacións nas que a mesa coaccionou a alguén, consciente ou inconscientemente, para tragar con algo que non era do seu agrado ou para ficar calado e non participar tanto como querería.

A declaración dunha política de micrófono aberto sinala o desexo de que o ambiente da partida sexa o máis acolledor posible, xa que non pasa nada por intervir, participar e propor: estamos aquí para socializar e pasalo ben, sen xulgar a ninguén polo que diga sempre que for con respecto e educación.

A palabra X

O cartón X é unha ferramenta moi ben deseñada. Porén, hoxe en día moitas partidas se xogan en liña, por videochamada ou taboleiros virtuais. Nunha mesa física, tocar ou levantar o cartón X é patente e obvio. Pero, por internet, poden acontecer un milleiro de cousas: pode que non teñades posta a cámara, pode que a teñades pero ninguén repare en ti porque anden a fedellar na ficha, ou no Roll20, ou que estean ensimesmados interpretando entre eles…

Na miña opinión, o cartón X é mellor expresado nestos contextos por medio dunha palabra X. Inspirada nas palabras de seguridade das prácticas BDSM, esta é unha palabra inequívoca e acordada na mesa co mesmo peso, rol e uso que o cartón X: a súa mención sinala un contido que debe ser retirado inmediatamente sen cuestionar.

Por exemplo, se a palabra X acordada é «matahari», unha xogadora pode exclamar «matahari!» despois de que o rei ordee decapitar o grupo, e a DX debe entón trocar o decurso da historia (por exemplo, encerrándoos nos alxubes).

Ao ser expresada en forma de audio, a palabra X é un sinal moito máis inesquivábel e difícil de non percibir que a necesaria visualidade do cartón X, sendo polo demais completamente equivalentes.

Dependendo da palabra, pode resultar incluso moito máis comprensible para as partidas de rol escritas, onde a elección dun verbo co que poder formar frases permite expresar e concretar mellor o contido que se desexa retirar («non teño problema coa besta enorme, pero quero descombobular que sexa unha araña, podemos trocala por un escaravello?»).

A palabra pode ser xa existente ou inventada. Hai grupos que prefiren palabras que nunca se ouvirían de forma habitual, para que non poidan levar a engano, como «schadenfreude»; outros delimitan unha palabra máis normal e lembrable, como «anular».


Obrigado á comunidade das Irmandades do Dado polos seus comentarios e feedback.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.