Que é isto?

O Neoloxismo do Ano foi unha iniciativa que tiña por obxectivo elixir a palabra «nova» do galego que máis nos presta das que foron inventadas ou popularizadas nese ano. Decorreu entre 2016 e 2021.

Para que?

O galego é unha lingua viva e como tal os galegos andamos seguido a crear palabras. O seu obxectivo era celebrar iso escollendo unha palabra que represente esta vizosidade da lingua en cada ano. A idea é festexar a creatividade e divertimento de falarmos galego. Unha lingua que non crea palabras novas é unha lingua morta, mais o galego hainos durar mil primaveras máis, e esta iniciativa servía para visibilizármolo.

Como curiosidade, certames semellantes xa se fan noutras linguas por algúns organismos, senden os máis parecidos os da American Dialect Society ou Oxford Dictionaries para o inglés. Algúns outros fanno cun obxectivo lixeiramente diferente, como é o caso do Observatori de Neologia no catalán, onde se vota por unha candidata a entrar no dicionario. Por último, outros céntranse na actualidade e elixen a palabra (nova ou vella) que mellor resuma o ano, como é o caso da Fundéu no castelán, o Gesellschaft für deutsche Sprache no alemán, Cambridge Dictionaries ou Merriam-Webster no inglés ou mesmo o Portal das Palabras no galego, no que vos convido a participardes!

Cal era o proceso?

Ao comeza solicitábanse candidatas á xente; ao final ainda se aceptaban propostas a considerar, pero en xeral obtíñanse a través dunha compilación automática de prensa e persoas en Twitter. Calquera a orixe, as palabras eran revisadas a man por un lingüista, quen elixía as finalistas baseándose en criterios sociais e de relevancia. Unha vez eran escollidas as candidatas, sometíannse ao pobo para seren votadas e elixirmos un gañador!

Quen organizaba todo isto?

A iniciativa e o labor de filtrado e xestión levábaos o Xurxo Diz Pico.