Selección de candidatas para 2016

Recadáronse palabras por candidatura aberta ao público. As candidatas recibidas pasaron unha peneira co gallo de quedarmos só coas palabras que foran suficientemente novas ou pouco coñecidas ata hai pouco. Primeiro quitamos aquelas que se poden atopar nos dicionarios DRAG e Estraviz: chío, cancelo, neofalante, orzamento, emprendedor e acougado. Despois, do resto desbotamos as que consideramos tamén de uso relativamente habitual: Culturgal, Apalpador, galescola, porta xiratoria, granxaescola, contacontos e pélet. Por último desbotamos nadaleño por, inda existindo desde hai tempo, non ter callado nin acadado moito uso.

Finalistas

amigarimo, -a (de amigo e agarimo)
Persoa con máis intimidade que un/ha amigo/a sen chegar a ser parella.
«Habíache atracción, mais ningún buscabamos nada serio, asi que fomos amigarimos por un tempo».

porcoril (de porco vietnamita e xabaril)
Cruzamento de porco vietnamita e xabaril.
«O outro día na fraga case bato coa bici contra un porcoril».

bedéfilo, -a (de BD)
Persoa que gosta de ler banda deseñada.
«Antía sempre foi moi bedéfila, nunca falta ás Viñetas desde o Atlántico».

zasca (da onomatopea)
Retruque con retranca que deixa mal á outra persoa.
«Tomounos por parvos e acabou por levar un zasca de carallo».

breoganada (do CB Breogán)
Errar cando era moi improbable.
«Anda que ti! Fixeches boa breoganada nese exame, co doado que era».

muscutola (de músculo e tola)
Persoa gay adicta ao ximnasio e a musculación.
«O Xiao volveuse unha muscutola, pasa o día enteiro a se ollar no espello».

cochiminh (de cocho, xabarín e Ho Chi Minh, pola súa fuxida ao monte)
Cruzamento de porco vietnamita e xabarín.
«Vai con ollo coa bici que ándache o monte cheo de cochiminhs».

Votos finais

Os resultados finais da votación foron os seguintes:

Votos finais

A gañadora, xa que logo, foi porcoril cun 23,7% dos votos, seguida logo por breoganada (18.3%), amigarimo (16%), zasca (14,5%), cochiminh (13,7%), bedéfilo (9.2%) e muscutola (4,6%)

Evolución da votación

Malia o que moitos pensabamos, con porcoril claro favorito, a cousa estivo moi xusta e non se puxo en cabeza ate a metade, polo menos, do periodo de votación.

Muscutola recibiu poucos votos en xeral e foi das menos aprezadas.

Bedéfilo tivo sempre un rego pequecho, mais estábel, de votos, e foi das que máis gustou á xente malia non ser a súa primeira escolla. A partirmos de agora hémola ver mais a miúdo, con certeza.

Cochiminh comezou moi forte, póndose en cabeza ao principio. Logo foi superada mais ficou na parte intermedia pelexando forte polo terceiro posto. Das que máis fixeron rir.

Zasca estivo case un día enteiro sen recibir voto ningún! Despois subiu con forza agatuñando postos e mesmo tendo opcións a se pór en cabeza, malia axiña seren estragadas.

Amigarimo, outra das máis populares entre a xente, estivo dominando a clasificación moito tempo unha vez lle roubou o posto a cochiminh. O seu carácter tenro gañou moitos corazóns.

Breoganada movilizou a moitos fans da equipa e a xente a quen lle facía gracia o carácter local e humorístico do termo, e loitou nun constante ciclo de subida e baixada polo podio. Finalmente quedou nun segundo posto moi axustado.

Porcoril, a grande favorita, semellaba non ir gañar nunca. Quizáis por todo o mundo asumiren que o faría, recibiu ben poucos votos na primeira metade da votación. Despois, devagar, tirou para arriba e estivo enleado con breoganada nunha disputa na que nada estaba claro nin decidido. Nos últimos días de votación, porén, porcoril pasoulle por riba como só un animal con sangue de porco bravo pode facer.

Era visto, de tódolos xeitos, e é que as razóns da victoria sabémolas todos: o cariño que desperta o Xabarín (Club) entre cativos (e grandes!) e sobre todo este GIF da Televisión de Galicia, popularizado nas redes sociais, contra o que non se podía combater :)

Nacemento do porcoril