Selección de candidatas para 2017

Fíxose una comprobación automática de todas as verbas contidas en GALITUÍTER (un corpus baseado nas contas galegas de Twitter que conteñen desde xornais até políticos e xente do común). Despois, as escolmadas foron revisadas a man por lingüistas, que elixiron as dez finalistas baseándose en criterios sociais e de relevancia.

Finalistas

samaín, m (da lectura literal do gaélico Samhain)
Celebración realizada na noite do 31 de outubro na que se adoita decorar con motivos de mortos, baleirar calacús e repartir doces aos cativos.
Os nenos baleiraron calacús para deixalos na xanela polo Samaín

empoderamento, m (de em+poder+mento)
Acto de se dotar de ferramentas para vencer os obstáculos propios. Úsase especialmente no caso de grupos sociais en desvantaxe, como as minorías étnicas, LGTB ou as mulleres.
Instaron ao concello a fornecer ás minorías de políticas de empoderamento social

brigadista, m ou f (de brigada+ista)
Membro dunha brigada. En particular, das forestais que combaten os incendios.
Os brigadistas reclamaron ao goberno máis apoio contra os lumes

velutina, f (do seu nome científico, vespa velutina)
Avespa de orixe asiático e patas amarelas considerada especie invasora en Europa..
Os veciños localizaron un niño de velutinas nas lindes do souto.

micromecenado, m (de micro+mecenado)
Sistema de financiación no que moitos patrocinadores individuais adiantan unha pequena parte do orzamento a cambio de se beneficiaren do resultado final.
Financiaron a gravación do seu novo disco cun micromecenado por internet.

transfobia, f (de trans+fobia)
Prexuízo ou discriminación contra as persoas transxénero.
Onte houbo unha manifestación masiva contra a transfobia.

eucaliptización, f (de eucalipto+izar+ción)
Expansión rápida da presenza de eucaliptos nunha área.
Os expertos avisan do perigo da eucaliptización dos montes galegos.

xornalixo, m (de xornalismo+lixo)
Xornalismo de mala calidade, falso ou nesgado.
Non sei como segues a ler ese semanario, non é máis que xornalixo.

panqueique, m (de pancake adaptado en analoxía con queique)
Masa frita en tixola ao estilo americano, que se acostuma comer coberta de doces ou xaropes tales como nata, caramelo ou chocolate.
Levei os cativos a almorzar panqueiques polo meu aniversario.

osiño lavador, m (polo seu costume de abrandar a comida 'lavándoa' na auga)
Pequeno mamífero norteamericano coñecido pola súa característica máscara facial e o seu hábito de rapiñar no lixo.
Unha das personaxes Marvel máis coñecidas é un osiño lavador cunha metralleta chamado Foguete.

Votos finais

Os resultados finais da votación foron os seguintes:

Votos finais

A gañadora, xa que logo, foi samaín cun 24,1% dos votos, seguida logo por xornalixo (23,4%), osiño lavador (12,1%), eucaliptización (9,9%), empoderamento (9,9%), transfobia (7,1%), velutina (5,0%), panqueique (4,3%), brigadista (4,3%) e finalmente micromecenado, que non recibiu ningún voto (0,0%).