Selección de candidatas para 2019

Fíxose una comprobación automática de todas as verbas contidas en GALITUÍTER 2019 (un corpus baseado nas contas galegas de Twitter que conteñen desde xornais até políticos e xente do común). Despois, as escolmadas foron revisadas a man por lingüistas, que elixiron as oito finalistas baseándose en criterios sociais e de relevancia.

Finalistas

paridoiro (substantivo masculino) (de parir+doiro)
Dependencias dun hospital destinadas á atención e seguimento dos partos.
O seu home marea co sangue e non quixo entrar no paridoiro.

quimiqueiro (substantivo masculino) (de químico+eiro)
Barco de gran tamaño no que se transportan substancias químicas.
As Autoridades Portuarios tentaron desviar o quimiqueiro das costas.

chuchador de clítoris (substantivo masculino) (de chuchar+dor)
Xoguete sexual que estimula o clítoris mediante ondas de ar.
Des que comprou o chuchador de clítoris, leva unha vida sexual mellor.

rebolar (verbo) (de re+bolar)
Danzar movendo o cu de xeito sensual.
Esta noite quero saír a rebolar, que estou contento.

elecrointensivo, a (adxectivo) (de electro+intensivo)
Que consome moita electricidade no seu funcionamento ou traballo habitual.
As industrias electrointensivas requiren de lexislación específica..

babeigoxousiña (substantivo feminino) (ad hoc)
Vergonza producida por unha persoa que non fala galego cando únicamente se lembra desta lingua á hora de escoller palabras fermosas baseadas en tópicos.
No 17 de maio están as redes sociais cheas de babeigoxousiña.

xeodestino (substantivo masculino) (de xeo+destino)
Conxunto de áreas xeográficas limítrofes que comparten unha identidade turística.
Estivemos a ollar para un par de xeodestinos para as vacacións.

narcosubmarino (substantivo masculino) (de narco+submarino)
Submarino empregado para o narcotráfico.
Detiveron á tripulación do narcosubmarino ao baixaren á costa.

Votos finais

Os resultados finais da votación foron os seguintes:

Votos finais

A gañadora, xa que logo, foi chuchador de clítoris cun 33,2% dos votos, seguida logo por babeigoxousiña (23,9%), rebolar (22,7%), narcosubmarino (8,3%), paridoiro (4,8%), electrointensivo (3,5%), quimiqueiro (2,0%) finalmente xeodestino (1,5%).