Skip to content

A través do vórtice temporal

Este xaneiro cúmprironse vinte anos do blogue máis antigo que conservo e fixen algo moi especial para celebralo: trouxen de volta todo o que escribín nestas dúas décadas!

O que?

Como les! A ver, o meu primeiro blogue foi en 2003, chamábase Adrenalíneas (porque estaba obsesionado co Unreal Tournament 2003, onde recollías adrenalina para ires más chetado) e debía ser en Blogger ou algo así, e durou uns mesiños, como entre verao e nadal. Lembro falar de que me presentara á certificación DELF de francés e tal. Diso non se salvou nada.

Mais xa logo en xaneiro 2004 comecei outro blogue con Movable Type, chamado 32 de Diciembre—porque vira o nome do cómic de Enki Bilal nunha tenda e prestoume e roubeino. E dese gardei o backup. E reinventeino baixo un software custom chamado Ted o ano seguinte. E conservei o backup. E logo remudeille o nome a H.a.c.h.e., xa en WordPress, que tamén gardei as copias, e logo un pequeno interludio nun MSN Spaces que conservei gardando os HTML, e logo comprei diz.es e pasaron a ser diz.es/blog e logo a dupla blog.diz.es & fotolog.diz.es, (malia que o nome oficial deste último era パーターター, PA-TA-TA), e todo iso foi en WordPress e exportei os datos antes de abandonalos. O ano que marchei de Erasmus refundeino todo como Season Five, porque era o meu quinto ano de carreira, e compaxineino cun outro blogue de cartas Magic de broma chamado La Cartógrafa que aínda tivo algunha entrada uns anos despois.

(E logo xa non tiven blog persoal nos seguintes dez anos porque chegaron as redes sociais e quixen ter unha web máis profesional e menos desenfadada, así que o que fixen foi colaborar externamente: en Tanaka Music ou abrir blogues especializados como The Blind Mouse, Talk Like a Spaniard, El ratón ciego ou terrae. Pero eses xa levan aquí restaurados un bo anaco.)

Como che deu por aí?

Por que non? Tiña os respaldos (estaban mortos de risa no disco duro), e podía (os WordPress importáronse directamente, o resto fixen un pouco de maxia con scripts e o plugin WP All Import). Os blogues están de regreso, así que resucitar todo aquilo pareceume a mellor forma de enxalzar o seu valor.

Está todo, logo?

Non, todo non. Hai algunhas entradas que eran apenas ligazóns a cousas interesantes, hoxe xa mortas. Non tiñan sentido e deixeinas fóra. Algunha outra era un vergoñante desfogue adolescente de cando internet era máis inocente e non pensabamos que ninguén nos lía. Aforreivos o transo. Tamén había un par que entraban de cheo en política e… mellor obviar; de feito retirei igualmente algún parágrafo que saía pola tanxente en entradas que realmente iban doutra cousa.

Pois moi ben, non?

Pois si! Paseino ben con este caprichiño nostálxico, é como que agora todo volveu a casa. Deume azos para recuperar o ímpeto de bloguear un chisco máis e lembrar que nun blogue se pode falar do mesmo que se fala en redes sociais, pero sen nos sentirmos obrigados sempre a ser cortos e retutábeis. Menos zasca e zinga e máis auténticos.

Nada máis logo, tes todo no arquivo! Podes ir directo ver as parvadas que dicía neses tempos se navegas por mesiños. Case todas as entradas acabaron na categoría Notas, pero houbo abondo como para que crease a categoría Arte e así aloxar alí os meus garabatos, e tamén agrupei algúns subconxuntos nas etiquetas Legonautas, La Cartógrafa ou Season Five.

Pero antes de ir ver todo iso, lembra ler con compaixón.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.