Skip to content

O meu paso por Tanaka

Por temas de hoxe que me fixeron pensar no volátil da internet (Musk comprou Twitter) apurei a copiar para este blogue as entradas de cando colaboraba en Tanaka Music antes que morra o server. A entradas son de hai unha ducia de anos. E… uf. Ben. Aquí a ligazón e debaixo o repaso, que isto require comentario.

Tanaka Music fora un blogue que montamos cando isto de facer blog-xornalismo contado como se foses un colega estaba a tope. Flipábannos cousas como AnaitGames (de feito aínda na web podedes ver que o eslogan parodia o de Anait). Como tal, ao comezo tiña todo un enfoque canalla. Escribíamos con seudónimo, para nos liberar máis e facer bromas un chisco provocadoras. (O meu era @MechanixTM, inda o usei tempo despois para retransmitir Eurovisión sen emporcallar a conta principal de Twitter.)

O caso: que era o ano 2009 e tiñamos vinte e moi poucos anos e escribíamos sen medidas. Que supón isto? Que, revisando hoxe os posts segundo os importaba, vexo moita babosaría. Poucas veces se pasaba a ocasión de comentar sobre as mozas bonitas 🤦🤢. Ata hai unha bromiña que non puiden evitar borrar. Era demasiado vergoñenta. Permitídeme que non diga cal.

Resulta incrible como muda a sociedade (e un!) en pouco máis dunha década. Hoxe nin de broma pensaríamos nin escribiríamos así. Na altura, nin dúas voltas lle déramos a mesturar música con salidismo constante. Podedes aínda velo, que o resto de comentarios non os quitei: quedan aí arquivados na miña web coa súa data, froito dunha época e unha idade. Penso que é contexto abondo.

Polo demais, recordo moito traballo, e iso que eu era dos que menos facían. Pero as novas tiñan que saír axiña para captar lectores, e levar sempre un pé de foto chistoso (eran a marca da casa), e por iso eu apenas durei un ano. Outros compañeiros si choiaron a eito moito tempo.

En fin, cousas polas que un pasa. Se teño que destacar unha lembranza: o meu meme recorrente con Brandon Flowers, o seu anaco de deserto, e os neóns iluminados: 1, 2, 3 e 4 🥲

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.

  1. pingback A través do vórtice temporal – xurxodiz·eu