Skip to content

Thunderball (1965)

«Que mellor ca un jetpack para saltarmo-la quenlla?»

Bo día rapazada! Imos co único filme onde Bond pasa máis tempo rodeado de líquido que bebéndoo.

Intro

A ver, o roio este das corpos xa comeza a cheirar un poco. Se ben desta trátanse de siluetas, figuras negras submariñas de mozas nadando e xente con arpóns sobre fondo azul, eu xa estou canso de vela. Polo menos o temazo co Tom Jones é ben bo, todo así épico orquestral (como tamén fora o de Goldfinger.

Argumento e temas

Voltamos aos plans clásicos que non poden fallar. SPECTRE rouba bombas atómicas e agóchaas no fondo do mar mentres piden un rescate. Oes: simple, sinxelo, sen posibilidade de erro. E así xa temos outra excusa para lucir moito biquini e peito lobo, e ir filmar nas Bahamas. Esixencias do guión.

Bond

A cada escea vese máis que Sean Connery atópase moi moi a gusto facendo de Bond. Nótase ese encanto natural. Di ti tamén que se-lo primeiro e único, polo daquela, dalle a comodidade de que non o estaban a comparar con ninguén. Pero custa imaxinar a outro – e iso que eu xa os tiña vistos antes!

Ai, e este é o derradeiro filme no que Bond leva chapeu. Fan unha referencia moi clara cando o “perde” na oficiña do M. Tampouco é que o levara moito antes, pero sí o lucía nas secuencias do canon da pistola dos comezos.

Vilán

Nesta o malo é un tal Emilio Largo, disque italiano ou algo así, con parche no ollo. Éravos o número dous de SPECTRE. Gustábanlle moito as quenllas, xa vos digo que tiña un demo delas na piscina. O certo é que nunca lle sentín que fora unha ameaza. Ás veces ata esquecíame de que o home tiña unhas bombas. Vías ao Bond espertando alí resacoso tirado na praia e pensabas “recoiro, eu coido que ese tipo tiña algo que facer hoxe”. O coitadiño do torto por riba morreu de xeito moi cutre, unha das mozas crávalle un arpón, e cae sobre o timón e estampa o iate contra unhas rochas. Tiña presenza e era icónico, si, mais non daba medo.

Trebellos

Até o de agora non temos falado do que ocorre antes dos créditos, pero desta cómpre facelo. Que o 007 vai nun jetpack, meu! Primeiro zóscalle a un malo que ía vestido de dona (pero Bond pispouse, que é moi aleuto) e logo cando chegan os seus amigos pra vingalo vai coller o aparello (que o deixara onde a fiesta xa ben preparadiño) e lisca voando por aí. En concreto, até uns metros máis aló, onde aparcara o coche. Que tiña as trangalladas habituais de panel antibalas e tal.

Social-progresómetro

Imos co bo: para unha peli ambientada no Caribe (como fora a do Doutor No), os nativos saen ben parados. Até un deles lles bota unha man e tal. Agora ben, atentos á seguinte escea.

Bond vai a unha doutora a se revisar as costas. De súpeto apáñaa con forza e bícaa. Ela revólvese e protesta como pode, claramente anoxada. Un pouco despois, estando Bond só na consulta, atácano. Sálvase cando a doutora volta por un casual. Lonxe de darlle as grazas, Bond ameaza con denunciar o socedido ante os seus supervisores, e faille chantaxe: ou se deitan xuntos o a botan do choio. Ela, desacougada e con medo, non ten máis remedio que aceder. Vese como Bond a mete na sauna e éspea, e tras un anaco el sae, claramente satisfeito, dicindo sorrinte “Ata logo crocodilo!”.

Ollo piollo. E disto van apenas corenta anos.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.