Skip to content

James Bond contra o Doutor No (1962)

“They tried to make me go to rehab and I said…”

O primeiro filme da saga, sentou os alicerces e tradicións que logo se nos farían tan familiares – e non todos para ben.

Intro

Dúas cousas destacan desta secuencia de crédito. Primeiro, Bond camiña con chapeu diante do canón da pistola. Semellará unha andrómena mais a min fíxoseme moi raro (verémolo tamén nalgunha escea do filme). E segundo, os créditos sonche moi moi sesenteiros. Nun primeiro intre temos circuliños de cores ao ritmo do tema de Bond, que coa súa épica severidade, non pegaba moito con tanta psicodelia. E logo, coma se alguén tivese gravado por riba, a cousa troca desúpeto por cumbias caribeñas e siluetas de xente bailando nun guateque.

Veredicto: botei en falla un cameo de Austin Powers.

Argumento e temas

Que bos os tempos onde todo era sinxelo e resumíase nunha frase: un tipo moi moi malo adícase a empregar bombas nucleares para estoupar os foguetes que os ianquis botan dende Cabo Cañaveral.

Veredicto: espías, roios nucleares e carreira espacial; eis o zeitgeist dos sesenta.

Bond

Na primeira metade do filme si temos o Bond que xa coñecemos de sempre, mesmo se leva o traxe na cintura no canto das cadeiras e un chapeu. Solta algún puñetazo mais case todo consiste en preguntar, facer as beiras e leva-lo traxe impecábel. Na segunda, ai, todo cambia: vemos un Bond coa roupa estragada, mollado, ensanguentado, alumeado, canso e baténdose a mamporro limpo.

Veredicto: a precuela perdida de Die Hard.

Vilán

O doutor No é fillo dun alemán e dunha chinesa, un experto en temas atómicos que escarallou as mans nun experimento e agora leva unhas poutas mecánicas. A raíz diso, as súas investigazóns foron rexeitadas pola NASA, polo que, anoxado, uniuse a SPECTRE, unha organizazón criminal internazonal destas de domiña-lo mundo (non quero saber o que tivera feito se lle deixara a moza). Mercou unha illa perto de Xamaica e pasaba o día a facer tiro ao prato cos foguetes ianquis. O por que, queda a imaxinación do espeitador. Nunca o din. Por foder supoño. Non estaba moi pensado o tema.

Veredicto: o máis visíbel serán as mans, mais o primeiro que che fode a radiación deben se-los miolos.

Trebellos

Ningún. O máis avanzado que empregan é un contador Geiger.

Veredicto: DealExtreme no debía facer envíos a Xamaica.

Social-progresómetro

Non hai unha soa muller no filme que non estea alí para a) ser fodida por Bond b) ofrecerse para ser fodida por Bond c) facer a Bond pensar o bon que seria fodela.

A principal rapaza Bond é una buceadora chamada Honey Rider, o que é moi convinte para facer que pase o filme enteiro nun biquini mentres Bond lle chama *honey* (ruliña).

Mais o filme vai alén e non só sexualiza tódalas mulleres senón que aproveita para deixar coma parvos tódolos negros que pola pantalla pasan. Analfabetos, incultos e supersticiosos, o filme convértese nun xogo no que sabes qué persoaxes van ser importantes ou aleutas se son homes brancos que falan sen acento.

Veredicto: o primeiro intento de acabar coa vida de Martin Luther King, a base de infartos.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.

  1. pingback Bond Dabondo: Presentación – xurxodiz·eu

  2. pingback Thunderball (1965) – xurxodiz·eu