Moito ollo: veño cunha nova descuberta! Un xogo de rol que sería o SEGUNDO da historia en galego na cronoloxía!
Antes de nada: o achado vén de parte de Xogón, blogue que vos recomendo a todos seguir para lerdes boas reseñas de clásicos —e non tan clásicos— do ocio alternativo. Un referente.
Pois o Xogón trouxo á miña atención a existencia de SÁLPOCK: O XOGO DE ROL, de 2012, escrito por Roberto Díez. Iso situaríao despois de Gáidil (2007), pero antes que Lendas (2013) e Samba (2020), convertíndoo no segundo xogo de rol en galego da historia.
Este minixogo acompaña e inspírase na BD do mesmo nome, “Sálpock. O val dos cegos“, de Álvaro López e Luis Sendón. Tanto unha como outro ambiéntanse nun planeta poirento onde conviven razas de diversa orixe entre dragóns de area, escravistas, caudillos e algún vestixio tecnolóxico de eras pasadas.
Como dixen, é un xogo breve. Cada personaxe ten tres atributos (Físico, Mente, Personalidade), unha raza e arquetipo abertos (trae unha mada de exemplos). As roladas fanse con 2d6+atributo, ademais dun bonus +3 se o arquetipo o xustifica. Os xogadores posúen tamén puntos de drama, cos que poden rolar un dado máis nas accións, reducir as feridas recibidas, xustificar unha habilidade fóra do seu arquetipo, ou atopar un obxecto útil.
Ao estar baseado nunha BD, as follas teñen unhas ilustracións moi fermosas en B/N e mesmo inclúe un mapa pequecho ao final.
En resumo: un sistema simple pero flexible nunha ambientación que promete e da que xa me tarda ler o cómic. Podedes baixar o PDF de balde desde a Sociedad del Dado Cornudo. A probárdelo!
Publicado orixinalmente en Twitter.
Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.