Atención porque desde esta semana temos un TERCEIRO [edición: cuarto] xogo de rol en galego. E pioneiro en moitos aspectos!
É o primeiro xogo de rol en galego en sete anos que non é sexa unha mera tradución, desde Lendas (2013), e debuxando un patrón curioso de septenios desde Gáidil (2007) que eu espero que rache a partir de agora. É, ademais, o primeiro que é un hack (derivado), cousa moi habitual no rol pero que en galego ainda non se dera. Neste caso, de Lasers & Feelings, un microxogo de John Harper. E por se fose pouco, é o primeiro en galego internacional! (entendido como escrito desde Galicia para o mundo, non simplemente en lingua portuguesa, claro).
Chámase «Menos samba e mais trabalhar» e converte os xogadores en axentes secretos en misión durante o Carnaval do Brasil, mentres tentan ser profesionais arrodeados de troula nas rúas: isto é, debátense entre o samba e o trabalhar!
Xógase, como todos os derivados de L&F, cun par de d6 que tamén se usan para escoller as características das personaxes e a situación inicial, onde xa se ve que isto ten moita brincadeira.
E onde no orixinal se introducían preguntas inquisitivas dos xogadores cando os dados daban un resultado peculiar, aquí se introducen avoíñas lanzándose en paracaídas. O normal.
En fin, o xogo é ben pavero… e supoño que está mal que o diga eu porque a estas alturas xa vos decataríades de que xustamente o escribin eu 😅
A idea veume inspirada pola expresión, ainda que para a miña sorpresa hai moita xente que non a coñecía. Hai quen din que é mesmo brasileira en orixe, pero eu non a tracei máis que até este vídeo do ano de Maricastaña:
Déixovos aquí a ligazón ao PDF e agradezo todo o feedback tanto lúdico (se é divertido), como lingüístico (tentei achegarme á variedade brasileira por razóns obvias), como cultural (quero facer parodia cos estereotipos pero non ofender a ninguén).
Obrigadíssimo por lerdes, como sempre, e a gozarmos do carnaval!
Publicado orixinalmente en Twitter.
Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.