Skip to content

Lendas (2013)

Pois mira ti que alén das Crónicas de Gáidil veño de confirmar que hai polo menos dous xogos de rol en galego: atopei un segundo! [edición: había xa un terceiro anterior a este]

Chámase «Lendas» e foi escrito por Mariola Juncal (antiga editora do Bastión Rolero) para o “Concurso de diseño de juegos de rol Galiciarol 2013” convocado pola Asociación Draco da Coruña. Podédelo baixar do propio Bastión Rolero ou desde Xalundes.

O prazo do concurso eran dous meses e medio así que é, obviamente, unha cousa moito máis modesta e pequena que Gáidil. Ten unhas cincuenta páxinas. A primeira metade son unha explicación do sistema SD6, un framework sinxeliño, de obvia inspiración no D&D, pero cunha folla de personaxe que, cando menos, chama a atención.

Esquema hexagonal do sistema SD6.

A segunda parte é unha miniambientación inspirada nas devanditas lendas, tanto galegas (a coca, a Raíña Lupa, etc.) como de Bécquer. Son apenas puntiños que perfilan un ton e un estilo e dos que podes tirar unha historia para as partidas.

Explicación de que é Ouveo e o rei Licaión en Lendas.

A ver, si, en xeral é un esforzo amateur e nótase. A maquetación é chusqueira, abondan os castelanismos e as grallas… Vale. Ainda así, a boa intención merece todo o noso respecto. Sexa como for, xa é parte da breve historia do rol en galego.

Cantos máis pequenos esforzos así haberá, apenas recollidos en PDFs perdidos no tempo, dos que eu non saiba? Calquera información que teñades sobre rol en galego, víndema dar.


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.