Ás veces a influencia cultural é moi sutil.
Novembro sempre foi o «mes de mortos» nas culturas de pasado católico, mais agora hai quen enche outubro de esqueletes e pantasmas desde o día 1 porque os ianquis inventaron o Spooktober. Para min a certeza é absoluta de que se for ao revés, estaríamos falando de Ghostvember e Defuntos como punto de saída da estética (non de chegada). E duraría ata chegar o advento como relevo.
Porque unha cousa que o imperio fai moi ben é desligar os ritos da súa orixe relixiosa (comercializándoos). Desa forma gozan de aceptación xeralizada e medran en versatilidade.
É absurdo desbotar enteira a cadea da túa cultura só por non gostares de quen engadiu o último elo: contextualízao, reaprovéitao, remódelao e continúaa. Todas as tradicións son remixes e refritos das mesmas cousas desde hai dous mil anos, pero parece que lle damos total propiedade ao seu último xestor, a Igrexa. Polo que co laicismo (cousa boa) desbotamos todo xunto e non queremos saber nada delas (cousa mala). É como queimar a casa porque non gostamos do último administrador da finca. A casa segue a ser nosa, segue a ser a mesma. E podemos quedar con ela mesmo se despedimos ao administrador!
Os referentes pódense admirar e mesmo reproducir baleirados de calquera adscrición. De feito, quizais o máis anticlerical que poidas facer é banalizar os referentes católicos: reapropiar, reclamar, reciclar e reinventar as iconas e os ritos, reducidos a outro elemento pop do teu imaxinario que empregar a pracer. Porén, desbotando de vez a nosa cultura por estar tinguida de relixión católica o que facemos é deixar un oco que indefectiblemente vai encher outro coa súa… especialmente se controla o monopolio da industria global.
Encántame un concepto que di Rafael Quintía e que penso reivindicar: en troques de crente non-practicante, el defínese como non-crente practicante. A entrevista paga moitísimo a pena toda mais, volvendo ao tema de Defuntos, inclúe un anaco en particular que adoro:
Se non lles queres contar aos nenos as túas crenzas locais sobre a morte o que significa é que cando vexan pelis de zombis van quedar impregnados igual dunha concepción existente, pero será a que xurda de crenzas alleas.
Rafael Quintía (parafraseado)
Marvel rediseñou a Thor en superheroe. Pois eu quero fanfics de Santa Bárbara disparando os astrocanóns contra a frota do Império Olláparo mentres Han Amaro esquiva os asteroides ao mando do Barcapedra VII!
Addenda:
Con todo, recoñezo que ás veces é máis difícil conservar as tradicións que son apenas lixeiramente diferentes das do hexemón —xa que son suplantadas de vez e esas diferencias pérdense diluídas— mentres que as radicalmente distintas aínda poden (per/con)vivir máis tempo independentes das novas. Así vemos que recentemente estoupou de súpeto o «truco ou trato» por todos os concellos co sinxelo que é de regaleguizar como «esmoliña de defuntos» ou «migallín». (É parte da razón pola que decidín no seu día non enviar proposta para un emoji de gaita.)
Remestura de contido publicado orixinalmente en Twitter: [1], [2], [3]