Skip to content

Eternals, signos, emojis e ianquis

Unha reflexión que tiven vendo Eternals. Cando saen persoas falando, dóbranse; cando saen textos na pantalla, tradúcense, subtitúlanse, ou lense cunha voz en off. Debería acontecer o mesmo coas conversas nas linguas de signos? A que se fala nos EUA non é a que se fala aquí.

Ben sei que unha cousa é editar un textiño que xa é feito por ordenador en orixe (como nas de Pixar) ou engadir unha vociña para finxir que alguén está a ler un cartaz e otra distinta é trocar a imaxe dunha persoa. Pero mira, xusto nesas de Pixar, isto podería ser máis factible.

Todo vén porque non é a primeira nin a segunda vez que vexo xente «lucindo» todo o que saben falar con signos reproducindo acríticamente American Sign Language. É o novo inglés que ven a imperializar?

O noso coñecemento do mundo ven moi, moi tinguido polo que consumimos en espazos que (asumimos) son neutrais pero veñen moi marcados pola súa orixe. Os emojis, aínda hoxe, son moi anglocéntricos. Cando amosan variedade, é froito dunha iniciativa (e polo tanto, desde un punto de vista) marcadamente ianqui.

Eu chegara plantexarme hai un lustro enviar unha proposta de emoji para a gaita. Mais desboteina tras a miña moza comentar lamentándose que, inexorabelmente, o emoji ía ser deseñado coa forma dunha gaita escocesa. Invisibilizaría, logo, o resto de culturas con gaita: xusto o oposto do que eu procuraba. No peor dos casos, a gente galega (asturiana, etc), asumiría que as súas gaitas som xustamente esas que verían nos emojis e perderían consciencia sobre as particularidades das súas culturas. A saliencia da gaita escocesa na vida ianqui esmagaría o resto delas.

É curioso porque ás veces penso que é máis difícil conservar as tradicións que son apenas lixeiramente diferentes das do hexemón —xa que son suplantadas de vez e esas diferencias pérdense diluídas— mentres que as radicalmente distintas aínda poden (per/con)vivir máis tempo independentes das novas. Por exemplo, estou moi sorprendido con como estes anos estoupou de súpeto o do «truco ou trato» por todos os concellos co sinxelo que era de regaleguizar como «esmoliña de defuntos» ou «migallín».

Pero teño que parar xa aquí, que chegamos por fin ao Samaín, que é sabido ser a Lei de Godwin dos debates culturais, e sinal de que mellor pechar a conversa e ir durmir.


Publicado orixinalmente en Twitter aquí, e alí.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.

  1. Mencionado por Xurxo Diz Pico