Skip to content

Unha pequena aclaración

Levaba tempo querendo engadir notas «á marxe», incisos, pequenos apartes ao blogue entretecidos polo texto principal.

A última vez que sentín falta deles foi escribindo a entrada do Rolvember o ano pasado, xa que tras cada xogada de rol quería poñer o meu comentario nunha caixiña. Cando repasara o FlashFicFeb uns meses antes usara bloques de detalle, que están pensados para spoilers, e facía sentido porque mencionaba cousas das tramas que debían estar agochadas de primeiras. Mas no Rolvember non había razón para ocultar os comentarios. E mesmo se WordPress deixa poñelos abertos por defecto, a súa agochabilidade era o que me amolaba, así que os deixei como bloque de detalles e pensei: «xa o arranxarei a futuro».

Inciso

O bloque de detalles, por certo, en realidade non se engadiu ata o verán de 2023. Eu fora tirando ata entón con plugins que imitaban a funcionalidade; pero sempre é mellor telo fornecido pola ferramenta base, claro.

Pois como vedes, xa os teño engadidos! Va que reinan? Se tardei en implementalos foi porque pensei que ían levar máis choio, pero para o que eu precisaba eran catro caralladas. Esperaba ter que mergullarme nas profundidades de WordPress, pero era todo máis sinxelo.

Non tiven máis que engadir o seguinte código ao functions.php do tema do blogue:

add_action('init', function() {
 $inline_css = '.is-style-aside, .editor-styles-wrapper .is-style-aside { background-color: rgb(239,239,239); }';
 register_block_style('core/details', [
   'name' => 'aside',
   'label' => __('Aside', 'authorial'),
   'inline_style' => $inline_css
 ]);
});

O que facemos é definir que o bloque details ten un novo estilo posible: Aside. Cando engadimos un bloque details a unha entrada, agora na barra lateral aparece a opción de escoller estilo, entre o predeterminado e ese nova Aside. (Ata o de agora, como só había o predeterminado, nin nos saía esa sección.)

Logo, definimos uns estilos CSS base a aplicar a ese tipo de bloque tanto no editor Gutenberg como ao visitar o propio blogue. A min abondoume que os marcase con fondo gris, para distinguilos no editor, e xa logo no propio CSS do tema lle din toda a virgallada que me apeteceu por riba. Por exemplo, que cando o bloque é de tipo Aside, non saia o summary que exerce de título e que permite, clicando nel, abrir ou repregar:

.wp-block-details.is-style-aside summary {
  display: none;
}

Abonda entón, se queremos converter un bloque de detalles nun bloque de incisos, marcar que estea aberto por defecto e poñerlle o novo estilo Aside. Listo!

O certo é que estou moi ledo co resultado e así puiden xa editar a entrada do Rolvember para que use ese novo estilo. E aproveitei para remudalos un chisco: aclareilles a cor e redondeeilles os bordes a eles e mais aos bloques de código, como vistes máis arriba.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.