Skip to content

Straight edge

Comentaba xa por aquí que me quitei do café. A ver, inda esta finde tomei un con leite con xeo. Pero só en ocasións moi especiais. Non é bebida diaria nin sequera semanal.

O mesmo co alcol. Cada vez tomo menos, xa nin sequera está esa copiña de viño branco nas comidas familiares, nin pido claras de limón cando vou por aí (agora cando non quero auga, estou a experimentar de pedir gasosa). Tampouco fumei nunca, nin me chamaron as drogas.

Pois hai unhas semanas liguei estes datos e decateime de que estou moi perto realmente de poder dicir que son straight edge. É un concepto xurdido do punk oitenteiro. Unha «filosofía de vida», se lle queres, que rexeita consomer todo aquilo que che rouba control sobre o que fas, toda sustancia que che altera o comportamento. Fóra van cafeína, alcol, tabaco… A idea é que manter o autocontrol permíteche seguir loitando contra o sistema en vez de caer no hedonismo.

Na Wikipedia menciónase que hai quen tamén inclúe medicamentos, relacións promiscuas ou dietas veganas nisto. O primeiro paréceme esaxerado e capacitista, o segundo debatíbel pero en calquera caso máis doado para quen xa ten parella, e o terceiro louvábel pero sen vínculo coa idea fulcral do straight edge; vaia, que podes facelo asemade se queres, pero ao meu ver sae doutros principios morais distintos.

Aclaro que eu non cumpro nada diso por ideoloxía. O plantexamento paréceme sensato (polo menos desde o meu coñecemento superficial), pero a coincidencia de comportamentos foi unha carambola de situacións, non unha busca introspectiva. Porén, como sempre nestos casos, veume un pensamento: «pois xa que estou tan perto, vou probar a ser estritamente straight edge un mes!». Pero logo pensei… para que? Como digo, sería quitarme, como moito, dous cafés e talvez un gurrucho de crema de bagazo se cadrar algunha celebración. Non preciso demostrar que podo, xa sei que podo vivir sen iso.

Hai algo perverso nesta desaparición subsconsciente da zona gris onde ou cumpres con algo ao 100% ou a túa experiencia intermedia non merece a pena. Vós non sentides que ultimamente dá a impresión de que se es fan de algo, só podes ser o maior fan, coñecelo todo e ser absolutamente entusiasta? Se declaras gostar dun artista, non podes gozar de só un disco, ou da discografía en xeral agás o segundo LP, que estaba ben ser ser a ostia. Iso non abonda para facelo parte da túa identidade. Só aquilo de cego compromiso pode ser elemento constructivo de ti. Para min hai un vencello entre isto e o demérito ás experiencias que non son instagrameábeis. É todo o mesmo: só conta aquilo do que podes fachendear ao extremo.

Pois eu refuso ter que levar todo ao paroxismo. E aquí o digo. Seica son prácticamente straight edge. Pero porque me cadrou. E nin sequera o son de todo. Pero non preciso selo. E está ben.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.