Skip to content

Lånespelare

Hai uns meses que deixei de tomar café. Nunca fun moi cafeteiro, a verdade. De feito antes nunca almorzaba sequera, polo menos consistentemente. Foi cando choiaba en Madrid que comecei. Os compañeiros ían á cociña da oficina a almorzaren e eu ía canda eles por socializar, e xa que estaba, apañaba unha bolacha e un café para acompañala, simplemente porque era o que collían todos. E xa mantiven o costume.

Mais o café nunca me sentou moi ben e tampouco era dos que o gozaban intensamente. No verán, con xeo, si me presta máis e aínda de cando en vez o tomo. Tamén o bombón (con leite condensado) en ocasións especiais. Pero vaia, que como non me facía moi ben no estómago funo quitando. No seu lugar, comecei a tomar chá.

Xa antes de cando en vez tomaba algún, pero o seu amargor é sen dúbida un gusto adquirido, e a meirande parte de chás que che dan polos bares adiante son bastante perralleiros. Porén, ao deixar o café precisaba un substituto na categoría de bebidas quentas e fun «obrigándome» a tomalo e agora xa me presta máis. Ademais vou equipándome e a experiencia mellora: hai un ano regaláronme unha chaleira eléctrica e polo meu recente aniversario un pequeno surtido de chás para ir variando cada día.

A cousa é que agora sempre comezo a mañá cun chá na mesa de traballo. E malia que a miña mesa é grande, eu son zoupón, e hai pouco deiteino todo por riba da axenda, do cuaderno, dunhas revistas que tiña… unha desfeita. Foi o segundo tal evento catastrófico desde que hai unha década deitara, tamén un chá —só que este con leite e mel, moitísimo máis pegañento— por riba duns barallos de Magic. Daquela perdín cartas que non eran doadas de comprar de novo —planos de Planechase— e só foi hai uns meses que, xa adulto e con máis poder adquisitivo, restituín o trauma dándome o capricho de readquirilas.

Así que decidín atallar o problema. Por sorte, á miña moza pasáralle semellante hai pouco e non tiven máis que copiar a súa solución: o portacuncas Lånespelare de Ikea. Un soporte que apertas á mesa e no que metes a caneca e queda fixa e fóra da zona de traballo por onde adoitas mover as mans.

É relativamente barato e solventas o problema de vez. Non lle fagades moito caso aos cartóns porque realmente non pesa case nada. Son eu que son algo repunante coa mesa de bambú que me custou cara (vedes que tamén os teño na suxección do micro). Non fan falla realmente. A única crítica que si lle podo facer é que ten bastante profundidade, especialmente comparado con onde acaba a fenda para a asa, imaxino que para que poidas usar canecas de moitas formas distintas. Pero eu púxenlle simplemente un par de posavasos no fondo para elevar e listo.

Quédavos aí o consello de compra, por se os vir ben. Eu estou contento.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.

  1. @xurxo acabas de crear unha necesidade consumista en min. Necesito ese soporte para as cuncas