Skip to content

O maior pedido de Magic do ano

Este xaneiro paseime e comprei Magic de máis. Foi unha combinación de ter moitas ideas de mazos a medias (para os que precisaba cartas fundamentais aqui e acolá) e un arrouto que me deu.

Así que levo un par de semanas recibindo sobreciños e gardando nos álbumes e rexistrando en ManaBox. Teño xa encamiñados mazos de goblins pilotando vehículos, cobras e arañas velenosas, altares, doutores who, comidas, anxos, xogos mentais, piratas que acumulan tesouros

Tamén confeso terme dado algún caprichiño. Agora Magic empezou a imprimir cartas con personaxes doutras sagas e, mesmo se esa carta pode ser reimpresa funcionalmente, pode que non sexa co sabor orixinal. Un exemplo é a Chun-Li con multikicker. Tes a versión arcana, pero claro, a graza do multikicker é que o teña Chun-Li! Ben, pois esa non a comprei que anda cara, é só que era bo exemplo, pero si que teño o Laboratorio de Hawkins que dá a volta e queda boca abaixo. Noutros casos tiven que conformarme: o Mind Flayer compreino en versión do Mercadona.

Outras desas que quería había tempo son as dos personaxes do filme Dungeons & Dragons: Honor Amongst Thieves, unha obra infravaloradísima, top do seu xénero, que recomendo sen reservas. Sacaran unha carta por protagonista, pero eu non as comprara á saída e agora están en alta demanda. Ao comezo ía estirarme e coller a Edgin, mais ao final o que máis xustificaba era Forge, pois tiña moi bo encaixe nese tal mazo de piratas. Védelo aquí abaixo. E como o outro seguirá subindo, xa non sei se o terei.

Porque, como dixen ao comezo, desta comprei cartas arreo e debería ter opcións de mazos para xogar todo o ano. E, como tal, prometinme a min mesmo que no resto de 2024 non vou comprar xa máis. Que un ten alma de pega e se lle fan estreliñas nos ollos mirando e comprando cartas. Así que por iso, este foi o meu maior (…e único) pedido de Magic deste ano.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.

  1. pingback Será que deixarei Reddit? – xurxodiz·eu