Skip to content

Elixindo candidatas a Neoloxismo do Ano 2021

U2 adoitaba dicir que no seu disco All That You Can’t Leave Behind éranche todo singles (e tiñan razón). Pois coas actuais doce precandidatas a #NeoloxismoDoAno de 2021 teño a mesma sensación!

Aínda teño que seguir peneirando e revisando os corpus, e a lista normalmente é máis reducida e algunha sempre acaba quedando para o ano seguinte. Pero vaia, nunca houbo unha listaxe tan interesante neste punto do proceso.

Contra o que poidades pensar, non é bo «queimar» tantos cartuchos no mesmo ano: este evento ten moito de márketing e hai que espaciar os hits! De feito, en realidade non é segredo ningún que o márketing é o seu obxectivo principal: atraer ollos á creatividade do galego.

Xa confesei que parte diso é tentar que a selección sexa diversa e variada. Cada edición é un acto educativo en si propio de que o galego é máis que BOLBORETA 🦋 e CARALLO 🥒. É unha lingua normal con palabras normais.

Se é importante divulgar que tan galego é Uxía como Daniel, tamén o é que tan galega é PORCORIL 🐗 como PRESENCIALIDADE 🧑‍🏫 … por moito que a segunda non sexa tan emocionante nin chame a atención.

Así que a miña política por agora é tentar que cada ano haxa un pouco de superestrela (o gancho) e un pouco de pelotón (o educativo). Un pouco de filete e un pouco de verdura. Zidáns e Pavóns, para os que deixaron de seguir o fútbol en 2001 coma min.


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.