Skip to content

Cales son os nomes galegos?

Pensar que Manuel, María ou Antonio non son nomes galegos revela unha visión folclorizante e colonialista: só conta como propio o que é marcadamente distinto do centro externo de referencia, a quen se lle da posesión por defecto.

Explícome.

Malia teren eses nomes a súa longa traxectoria propia, se está a dar a entender que como tamén existen na cultura do veciño, contan como do veciño. Pois veñen do hebreu e do grego, así que xa me dirás ti.

Isto parte dunha concepción pésima da cultura galega na que se pensa que non pode recibir nada sen que pase antes polo castelán, así que todo o que exista nos dous vai contar automáticamente como influencia do castelán e nunca como galego.

Os nomes máis escollidos en España son Sofía e Hugo, se lembro ben. Grego e xermánico. E usados en todo o mundo, Francia a primeira. Pero non hai noticias así:

«A cultura española esmorece: as crianzas de Madrid xa non levan como nome Octavio Augusto nin Marcela Agripina.»

Pretender que a cultura galega exista só no espazo disxunto da cultura castelá é pórlle un obxectivo imposíbel que non se lle esixe a ningunha outra cultura. É querer que non teña espazo abondo para existir. Moverlle os marcos até afogala. É o razoamento detrás de que a xente pense que para facer cultura galega a obra ten que ter vacas, gaiteiros e celtas. Un filme dun rapaz de cidade facendo skate non é galego abondo: porque iso xa existe en España e por tanto non é propiamente galego.

A miña conclusión é que realmente en Galiza non nace ninguén porque as persoas que nacen alí teñen o mesmo ADN que as que nacen en Madrí así que…

…contan realmente como galegas? 🙃

PD. Remato co lembrete periódico de que o ‘galeguísimo’ nome de Antía non só é puramente grego: é cousa dos últimos 50 anos e foi popularizado por un cura obreiro en homenaxe a unha mestra galeguista cubana (que ademáis era tía de Beiras)


Publicado orixinalmente en Twitter,