Skip to content

Fai ben ou mal o Neoloxismo do Ano?

Cando a alguén lle da por falar da súa palabra galega favorita, saen sempre unha serie de sospeitosas habituais que caen na babeigoxousiña:

[semella que] só son galegas xoaniña, bolboreta, orballo… porque mesa, gato, luz ou torre xa existen en castelán, por tanto son castelás primeiro 😪

Roribérto

Non vos pensedes que non cavilo niso cando poño en marcha o do #NeoloxismoDoAno. Todos os anos penso en botar o feche, de se fai máis mal que ben, de se incita a votar esas palabras por riba doutras. Mais entón que pasa, non facemos nada en torno ao galego até que ese comportamento desapareza, por medo a desvirtuar o conto?

Daquela non faremos nada nunca.

Ainda mais, pode que ese comportamento poida desmontarse aos poucos, xustamente, mediante esas iniciativas. Desde dentro. Eu tento darlle ao #NeoloxismoDoAno un enfocamento neutro de celebrar a vitalidade do galego, procurar que as candidatas non sexan todas coloquiais e informais, e convidar á xente a votaren simplemente a que mais lles preste—non á máis galega, nin á máis riquiña.

E así, se cadra, algún vén polo CHUCHADOR DE CLÍTORIS pero marcha quedando co conto de tan galega é esa como XEODESTINO ou TRANSFOBIA. E xa avanzamos algo.

Dubido moito de que noutras linguas lle dean estas voltas ao certame, tamén volo digo. Niso hai un chisco de autocomplexo e exceso de perfección noso que teremos que ir sacándomos de enriba.

Ao final chego sempre a esta conclusión: Se o #NeoloxismoDoAno fai 10% mal e 90% ben, páganos a pena que siga a existir. Non che vos hai nada perfecto, e se o que buscamos é esa iniciativa pura fantástica 300% beneficiosa para a lingua… @emgalego só hai unha e xa existe ❤️


Publicado orixinalmente en Twitter.