Co gallo da saída en castelán de Thirsty Sword Lesbians (Las ávidas espadachinas sáficas), xurdiu nas Irmandades do Dado unha pequena conversa sobre a súa tradución.
Por aquí xa falara eu de propostas para as cartillas, pero nesta ocasión o debate derivou axiña cara os aspectos máis queer do contido, en particular as personaxes que empregan pronomes infrecuentes como ze/zir, ze/zim, zi/zir, hir/hirs, xe/xir, de/der, fae/faer, per/pers, lo/lun ou vesp/ves, tanto no libro principal como nos stretch goals.
Xa teño expresado o meu parecer de que o equivalente da identificación por pronome en inglés, polo menos en castelán e galego, non só debía ser o morfema, senón que a un nivel máis da rúa deberíamos simplificar esta identificación ás vogais. Así, falaríamos de que tal persoa usa a vogal e e tal outra prefire o/a con total intuición do que quere dicir.
Pero ademais, xustamente, levar a identificación dos xéneros desde os morfemas ás vogais revela unha solución para reproducir o tal abano de xéneros de Thirsty Sword Lesbians e mesmo na fantasía en xeral se quixermos inventarnos novos.
Por exemplo, se no orixinal é fulcral o feito de que alguén empregue o pronome it, polo seu contraste e uso habitual con obxectos, pódese tirar da vogal i. Esta vogal xa observou certo uso nas exploracións modernas ata caer no consenso dos modelos elle e elu, mais agora fica libre para este uso particular:
Ê profesore foi falar cois androides guerreiris.
Porén, axiña nos veríamos limitados nas nosas escollas, ao apenas restar libre entón a vogal u. Para abrir o abano e dar cobertura aos neopronomes ingleses, podemos ir máis alá e empregar grupos vocálicos. O uso de ditongos nas personaxes cun xénero pouco frecuente serviría logo para darlle o plus de extravagancia que conserva e subliña ese trazo:
Elei é unhei aventureirei que sempre adoita ir canda oi suoi irmoi.
Uas andromedianuas celebraron a súa alianza con eos embaixadoreos marcianeos.
Abondaría con presentar as personaxes desta forma se quixermos ser explícites:
Liño (vogais: a/ei) é unhei aventureirei de grande sona.
Oi irmoi de Liño (vogais: oi) foi ferreiroi cando era cativoi.
Uas andromedianuas (vogais: ua) son unha raza da galaxia exterior. Eos marcianeos (vogais: eo) andan sempre á guerra con eluas.
Queda aquí a proposta 🙂
Mencionado por Xurxo Diz Pico