Skip to content

Traducindo TSL: Os nomes das cartillas

Nas vindeiras semanas dirixirei unha partida de Thirsty Sword Lesbians en galego. Non traducín as cartillas enteiras (por agora), pero si os nomes para poder falarmos delas.

Para dúas delas fun un chisco atrevido pero penso que funciona ben. Decidín usar Meiga para Nature Witch e Bruxa para Spooky Witch. O encaixe non é perfecto coa mitoloxía, pero enténdese enseguida a diferencia e simplifica os termos.

Outra que me fixo cavilar foi a Scoundrel. Considerei Canalla, Tunante, Moinante, Traste… e ao final chameina Truá. Quería conservar ese matiz bohemio e bon vivant de arquetipos como Han Solo.

Para a Trickster, onde o importante é a duplicidade e como agocha as súas intencións e sentimentos, tamén din voltas arreo: inicialmente usei Trampulleira, logo Farsante e finalmente Arteira.

A máis espiñenta foi a cartilla da Seeker: fala de alguén que procura a súa verdade, un lugar onde encaixar, unha conxugación da súa crianza e valores. As opcións máis directas como Buscadora, Procurante ou Perseguidora erraban moito o tiro. Tras moito barruntar chameina Arelante.

Para a Devoted, malia que enseguida escollín Devota, por un momento considerei outras opcións como Dedicada, Comprometida ou mesmo Consagrada, pois non tiña claro que o matiz relixioso resultase tan forte en Devoted como en Devota. Mais, finalmente e tras consultar o CORGA, convencinme de que Devota era realmente a escolla máis axeitada para quen se entrega totalmente a unha causa.

As outras tres, a Besta (Beast), a Elixida (Chosen) e a Infame (Infamous), non tiveron tanta historia.


Corrección de 2023: en galego, unha besta é un animal bruto con forza, como un cabalo ou un boi. Para falarmos dun animal violento e impredecíbel, como o que representa a Beast, mellor empregar Fera (como fai a edición en portugués).


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.