Skip to content

A miña frase favorita

Hai tempo que decidín que a miña palabra favorita era morcego. A falta de outras candidatas, e cunha etimoloxía sempre curiosa en todas as linguas, aclameina por unanimidade no meu lexicón.

Xa logo foi que un día me decatei de que os meus adxectivos favoritos eran os rematados en Z. E de feito hai toda unha xerarquía de prestitude ao respecto: os mellores son os que rematan en -oz, por exemplo.

Sendo así, xa estaban na mesa todas as pezas precisas para decatarme de cal tiña de ser a miña frase favorita:

El veloz murciélago hindú comía feliz cardillo y kiwi.

Trátase dun pangrama, frase que usa todas as letras dunha combinación idioma-ortografía. Neste caso, a da forma máis usual de escribir castelán. É frecuente atopala nos visores de fonte dos ordenadores. Como tal, candidata idónea para ser a miña frase favorita, pola súa propia idiosincrasia e por contar coa miña palabra e dous dos meus adxectivos favoritos.

Outro pangrama que pode que vos soe é o máis común en inglés: the quick brown fox jumps over the lazy dog, aínda que a min me presta particularmente estoutro: sphinx of black quartz, judge my vow. En galego eu non coñecía ningún, mais a Wikipedia lista estes tres:

Aqueles chimpancés xogan outra vez coa fabada no baño.

O verdugo do bolxevique tomou pasta, unha noz e café.

Fíxate, o mesquiño bacharel pide vinganza.

Non sei se por breve, pero o meu favorito é o último. En portugués hai un monte deles, pero é difícil mellorar este:

Quem traz CD, LP, fax, engov e whisky JB?

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.