Skip to content

Secret Lair x Doctor Who

Chegou por fin! A moza regaloume polo Nadal a edición especial das cartas de Doutor Who correspondentes, xustamente, aos especiais de Nadal. E velaquí están xa!

Veñen nunha caixiña así especial:

E dentro dela, as cinco cartas: Rose Noble, The Meep, The Celestial Toymaker, The Fourteenth Doctor e The Fifteenth Doctor. (Estes dous últimos viránme moi ben para ese barallo de doutores que vos contaba).

Ademais, como todos os Secret Lair, trae unha carta extra que non se coñece ata que chega o paquete, neste caso, un Sonic Screwdriver con debuxo especial. Venme ben porque non o tiña; sorpresa non foi porque aos EUA enviáronnos xa había unhas semanas e xa vira que carta era por redes.

Se vos sorprende que mo regalaran polo Nadal mais que chegue ainda hoxe, isto é porque este foi o derradeiro Secret Lair que se compraba baixo demanda. É dicir, o mecanismo era que sacaban a edición e tiñas como tres semanas para comprala. Logo contaban o número de pedidos, imprimían as cartas (aí pasaban estes catro/cinco meses) e enviábanchos.

Agora xa non, mudaron o sistema. Cando anuncian a edición estiman canto cren que van vender e imprímeno xa nesa cantidade. Logo abren a venda ata rematar existencias. Eles véndencho como que así compras as cartas e unha semana despois xa as tes na casa, pero significa tamén que non podes andar a pensar e dar voltas sobre se realmente as queres, porque tes medo de quedar sen elas. Agora esgótanse mesmo en horas! Incita máis á compra impulsiva, que estou seguro de que lles sae moi rendíbel.

Eu persoalmente tiven cero problema en agardar polas cartas, pero non teño fe en que volten ao modelo anterior, desafortunadamente.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.