Skip to content

Unha queimada menos machista

Hai dúas partes do conxuro da queimada que son un chisco machistas:


Pecadora língua de mala muller
casada cun home vello

Barriga inútil da muller solteira

Cos anos (e o sentidiño) íanme parecendo inapropiadas. Con todo, sabía que era algo doutra época (ten medio século, o texto) e que, bueno, imitaba rituais vellos. Inda así, non me chistaban moito. A queimada é unha icona da nosa cultura e vela vencellada a cousas tan pouco bonitas estragábame o desfrute. Comecei a cavilar se non se poderían tirar.

O ano pasado fíxenlles queimada a uns amigos de fóra e lin o esconxuro. Mesmo na escuridade, os seus acenos ao escoitaren esas partes cementáronme a idea de que non podía seguir así. É certo que eles non tiñan o contexto social para entendelo mais, realmente, o que quere dicir iso é que a única razón pola que non nos disgustan máis a nós é por levarmos toda a vida a escoitalas.

E sexamos francos: o espírito da queimada non vai morrer por lle mudar catro palabriñas.

Hoxe é San Xoán e moitos de nós faremos queimada outra vez: que mellor momento, pensei, para lle dar unha volta ao asunto. Espertei pola mañá, sentei fronte ao poema e comecei a teclear, borrando e repensando, até chegar a algo que me convenceu:

Pecadora lingua da mala muller
casada cun home vello
Pecadora lingua de quen ten o cor
negro como un escaravello

Barriga inútil da muller solteira
Monte seco ardendo sob a solleira

Estou bastante contento da solución, que bota fóra as ideas demodés sen prexudicar o espíritu do conto. Coidei moito de tres aspectos que considerei fundamentais:

O primeiro: a rima e a métrica. Muller non rimaba con nada, así que puido ser trocado por cor sen problema. Vello e escaravello foi un truquiño moi proveitoso e solteira e solleira son a mesma terminación. O número de sílabas son as mesmas agás na que remata con escaravello, mais inda así non quebra o fluxo do cantar se se fai crase: com’un.

O segundo: a negatividade. Estamos a botar no caldeiro cousas de mao agoiro. Mantense a lingua pecadora, só que agora as malas persoas veñen representadas por un insecto (o cal vai na liña dos vermes e alimañas doutros versos). En canto á barriga inútil, que non tiña moita salvación, trócase por outro suceso moi negativo e (desgrazadamente) moi típico da nosa cultura, que ademáis liga co tema do lume de toda a queimada.

Para rematar: o léxico lírico de lixeiro toque arcaico. Góstame que o esconxuro se sinta diferente da fala estándar: beberaxe, cadavre, embravescida, ialma, eiquí… eu mesmo adoito ler que as bruxas marchan a cabalo das súas vasouras e non escobas. Verbas moi nosas pero pouco frecuentes coma sob ou cor enfatizan a sensación de texto ancestral gardado baixo chave.

Déixovos pois cunha suxestión do texto completo. Eu heino ler así esta noite e convídovos a facelo vós tamén. Na miña opinión, non por mudaren as tradicións deixan de ter sentido: na contra, é cando mudan canda nós que as seguimos a sentir coma parte da nosa vida.

Esconxuro novo

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas
Demos, trasnos e diaños
espritos das nevoadas veigas
Corvos, píntegas e meigas
feitizos das menciñeiras
Podres cañotas furadas
fogar dos vermes e alimañas

Lume das Santas Compañas
mal de ollo, negros meigallos
cheiro dos mortos, tronos e raios
Ouveo do can, pregón da morte
fuciño de sátiro e pé de coello
Pecadora lingua de quen ten o cor
negro como un escaravello

Averno de Satán e Belcebú
lume dos cadavres ardentes
corpos mutilados dos indecentes
peidos dos infernais cús
muxido da mar embravescida
Monte seco ardendo sob a solleira
falar dos gatos que andan a xaneira
guedella porca da cabra mal parida

Con este fol levantarei as chamas
deste lume, que asemella o do inferno
E fuxirán as bruxas a cabalo das súas vasouras
índose bañar na praia das areas gordas
Oíde! Oíde os ruxidos que dan
as que non poden deixar de queimarse na augardente
quedando así purificadas
E cando este beberaxe baixe polas nosas gorxas
quedaremos libres dos males da nosa ialma
e de todo embruxamento

Forzas do ar, terra, mar e lume!
A vos fago esta chamada:
se é verdade que tendes máis poder que a humana xente
Eiquí e agora!
facede que os espritos dos amigos que están fora
participen connosco desta queimada


A foto da cabeceira é CC BY-SA Dani Vázquez. Publicado orixinalmente en El ratón ciego.