Skip to content

Nimona

Nimona é un dos filmes senlleiros do ano pasado. Con grande sona nas redes, nominada a varios premios e agora Netflix ata a puxo de balde en Youtube (dura hora e media) para ver se fan ruído abondo para levar un Oscar. Eu collín e vina onte a ver se era para tanto. Tiña as expectativas altas. E ben?

Pois imos por partes. A sección con spoilers irá oculta.

Graficamente é verdadeiramente bonita. Non só a nivel de pericia técnica, mais de escolla estética. Todos os frames son lindos de mirar e identifícanse por un estilo propio e único, limpo e colorido sen ser rechamante. As personaxes teñen todas deseños e siluetas únicas e diferentes, pero consistentes entre elas. Para min o aspecto visual é un dos máis salientábeis, á altura da comentada Arcane.

Tocante ás actuacións, eu vino dobrado ao galego. A verdade nin lembraba que estaba esa opción, pero viña de ver Avatar dobrado e Netflix xa mo puxo así—e eu deixeino, claro. Non deixa de amilagrarme o bo nivel dos actores e actrices de dobraxe galego co desleixado que está o sector. Puxen ao tempo as lexendas en galego, por comparar as traducións, e ambas son excelentes. Por veces gustoume máis unha das escollas, por veces outra.

Anaco do póster oficial d Nimona, con ela despregando as ás sobre Ballister, que ten cara de medo mentres os arrodean moitas espadas.

As personaxes… vamos ver. Ballister é boísimo. Carrega o filme enteiro sobre el. É complexo, definido, consternado, relatable. Fixeron un traballo espectacular con esa personaxe e pagoulles a pena toda. Nimona, pola contra… Fagamos unha pausa. Eu non lin o cómic, teño vistas viñetas soltas e lin o argumento na Wikipedia tras ver o filme. Parece que a BD era máis adulta ou xuvenil e o filme tira máis cativa. Imaxino que en Nimona é onde máis revira o ton. A min fíxoseme demasiado plana e simple. Máis que unha persoa era unha forza da natureza, un trebón co que non podes razoar. Un trasno, un ser máxico feérico que funciona no seu mundo e un chisco inaturábel. Adoro este tipo de personaxes caóticos, venme agora a mente a Mabel de Gravity Falls, pero Nimona foi demasiado para min, mesmos se tivo momentos. Custoume entender a súa forma de actuar.

Sobre o resto de personaxes e trama (inclúe spoilers)

Respecto do resto, Ambrosius foi outro personaxe tremendamente ben feito, ao meu xulgar. A súa relación con Ballister fai todo, é o cerne total da película, e é un cerne moi sólido e que se sente real. Con todo, botei en falta un vencello máis persoal del coa Directora que lle complicase un chisco máis a súa fidelidade. Entendo que a súa fidelidade non era para con ela, senon coa institución en si, pero tampouco se nos mostra como de fundamental é o Instituto para a sociedade. Non se ve ningún outro monstro ou ataque en mil anos, cústame ver que se manteña esa fachada de imprescibilidade só con propaganda de palabras e non con feitos (na BD disque isto é porque Ballister traballa para o Instituto como supervilán oficial creando caos, é toda unha movida distinta). Da mesma forma, a Directora podía ter os seus motivos máis xustificados (algún evento que fundamentase os seus medos) e así ter unha vilá algo máis gris. Se nunca aconteceu nada nin hai monstros reais nin nada, a que teme exactamente? E se de verdade Nimona é algo tan singular, o caos debía ser moito maior, mesmo para Ballister. É como se os monstros de súpeto existisen na realidade. Ademais un feito así debía ser explotado pola Directora como confirmación total dos seus temores! Faime augas.

Pero en fin, sendo un filme infantil enseguida sabes que o Instituto vai ser malo sen redención nen luces e sombras e o final vai ser un desmantelaxe total da institución e todo iso. Como digo, non é crítica e o filme nunca pretende ser unha análise introspectiva tan complexa. Simplemente na cabeza sabes que por aí non haberá sorpresa e buscas a satisfacción por outros sitios, que os hai abondo.

Por concretar o meu sentimento, sinto de feito que por veces Nimona é a personaxe menos relevante e non merece a preeminencia que se lle da. É a secundaria cómica e o MacGuffin do filme, claro, pero a malla das personaxes é onde ten a súa forza o argumento. A súa lacrimóxena historia, para min, é o elo máis frouxo. Tentan derivar dela a moralexa pero cae en saco roto cando, como nas historias dos X-Men, acaba causando xustamente as catrástrofes e destrucións que temían os seus detractores. A súa discriminación era inxusta, prexuizosa e ruín, non hai dúbida, pero cae no paradoxo de Lex Luthor cando, ao final, si que resulta que era un perigo que existise alguén tan poderoso.

En resumo, o filme é máis forte cando examina a relación amorosa e os conflictos de lealdade e máis feble cando tenta situar a Nimona como a protagonista e a súa historia como a central. Pero sempre trata todo con dinamismo, sen perder tempo para encher metraxe. É vibrante e atrapa a túa atención sen che aburrir en ningún momento por medio de escenas espectaculares e diálogos moi ben guionizados. E iso ten moito mérito.

Por rematar, Nimona é un filme curto pero disfrutábel, moi lindo de ver, con certas personaxes marabillosas e momentos tenros e emocionantes. Eu recoméndoo sen reservas para todo público. É a quinta marabilla que promocionan algúns? Pois iso eu xa non o vexo tanto. Pode que arrastren certa visión rosada da BD, que como digo non lin e semella máis complexa e adulta. Pero esta é o que é—e o que é está moi ben e non precisa de esaxeracións.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.