Skip to content

Multiplícate por cero

Hai unha cousa que sempre me renxiu dos Simpsons.

Na versión orixinal, cando Bart quere insultar ou contestar a alguén, dille “Eat my shorts” (lit. «cómeme os calzóns»). Pero na versión castelá, traduxérono por «multiplícate por cero» (lit. o mesmo en galego).

“Cómeme os calzóns” é unha frase gamberra, mesmo soez, pouco sorprendente vindo dun rapaz moi revoltoso que non se axeita ás regras nin á autoridade. Pero «multiplícate por cero» é… moi de ‘nerd’, de ‘empollón’, ¿non? Parece máis unha frase que diría Martin para presumir. De feito, que multiplicar por cero sexa facer desaparecer non soa a cousa que Bart saiba… nin que queira que os demais saiban que sabe.

E blam, aí cheguei ao meu headcanon.

Bart, eterno mal estudante, incapaz de aprender nin lembrar nada do que lle din na escola, tivo un día un exame de matemáticas. Non sabía absolutamente nada, ía fatal, pregunta tras pregunta. Víase vir a traxedia.

De súpeto, lembrou que un día a Señorita Krabbapel explicara que calquera cousa multiplicada por cero era cero. Fora unha cousa moi inesperada, que lle fixera estourar a cachola. Calquera cousa, CALQUERA, por cero, dá cero. Bum.

Pois grazas a ese dato solucionou o último exercicio que lle permitiu aprobar. E Bart coñeceu por primeira vez o orgullo de aprobar un exame por si mesmo.

Desde entón, esa frase é o seu lembrete para quen ouse desafialo de que Bart será un falcatrueiro, pero é un falcatrueiro con cabeza que vale máis do que todos pensan.

«Multiplícate por cero» é a súa medalla de honra, o escudo que esgrime fachendoso como ante un mundo que sempre lle repite que non ha chegar a nada… pero el sabe que están enganados.


Publicado orixinalmente en Twitter.