Skip to content

Hipocorísticos en galego

Para falar dos hipocorísticos en galego, como tantos outros temas (ai…) non podemos evitar mencionarmos o castelán, pero o coñecemento será de novo a nosa poción máxica.

Os hipocorísticos (nomes cariñosos, vaia) fórmanse de varios métodos, a miúdo simultáneos e en todos eles vemos retroceso dos procesos propios.

Por exemplo, cando se fai acurtamento, tradicionalmente se tomaba a parte final do nome:

Ramiro → Miro
Matilde → Tilda
Isidoro → Doro
Ánxela → Xela (malia que no caso de Arias, ela tíñao como nome xa)

Pola contra, agora escoitamos máis Rami, Mati ou Isi.

Isto é tremendo porque as formas que rematan en i átono (Loli, Dani, etc) son directamente contrarias á estrutura fonética do galego, que só presenta a/e/o en posición final. E xa sabemos que a fonética do galego é a parte que máis feble está arestora.

Tamén antes era moi común engadir diminutivos, senden os patrimoniais máis habituais -ucho/a, -uco/a, -usa, -ula, -echo/a, -ocha, -iño/a…:

Rafael → Lucho
Elvira → Viruca
Carlos → Carolo
Catarina → Catuxa

Porén, agora os Fuco son Fran, os Manolo, Manu, e as Beluca, Isa.

Cando falamos de salvar o galego, ás veces esquecémonos disto, pero a onomástica é tan lingua como a toponimia, as sete vogais ou o pronome átono.

Toda esta información saqueina deste excelente artigo de Ana Isabel Boullón Agrelo. Tamén podedes consultar estoutra listaxe e breve resumo (pero non fagades moito caso á viñeta machista do final).

Ao que din eses artigos eu engado un factor: moitos dos nomes para os que temos hipocorísticos de antano foron pasando de moda, e os novos xa nos chegan a miúdo coa forma familiar anexada. É complicado usarmos Xonxa, Mingos ou Mundo se xa non hai xente chamada Asunción, Domingos ou Raimundo.

Pero aínda podemos chamar Varo aos Álvaro e Mela ás Carme. E crear formas con esos patróns e chamar por exemplo Vica ás Silvia, e Gucho aos Hugo. O futuro non é só recuperar, é tamén crear de novo 💪


Publicado orixinalmente en Twitter.