Skip to content

Eu, neofalante

Non é doado mudar de lingua. Cando un día te ergues decidido a empregar unhas verbas coas que non estás afeito, optas, conscientemente, por sacar a pasear as túas feblezas. Vas fallar, e valo facer publicamente. Non hai outra.

Se isto sucede cando emigras a Cataluña, como me pasou a min, a xente sorrí, apreza o teu esforzo por falar o seu idioma, corríxete (se procede) e voltas para casa orgulloso, cheo de ledicia e decidido a probar outra vez ao día seguinte.

Se iso sucede na Galiza, por desgraza, o conto non adoita ter un final tan feliz. O día que comecei a empregar o galego aos poucos, aquí e acolá, atopeime con algúns individuos que resistían con ferocidade a miña decisión. «Ou falas galego ben, ou para falalo así, non o fales», dicíanme algúns dos máis puristas ante o menor dos meus esvaróns. Por sorte non lles fixen caso ningún. Hoxe inda me podo trabucar ocasionalmente, abofé, pero polo menos sigo a falar galego.

Cómpre facermos autocrítica, como sociedade. Hai unha certa suposición de que todo o mundo sabe galego e, até certo punto, isto é así. Pero non todo o mundo sabe falar galego, igual que unha cousa é estudar catalán e outra ir ao supermercado na Barceloneta. Madía leva, cando é unha institución, cos seus servizos de lingüística, cos seus correctores ortográficos, cos seus revisores, quen comete un erro nun cartaz, temos, e con razón, que facerlle notar severamente o seu desleixo. Mais cando é unha persoa quen molla os peciños na lingua galega, o importante non é que produza frases ilustradas no seu primeiro día. O importante é que haxa un segundo. Que se sinta benvido á comunidade, que goste da experiencia e que queira volver a probar.

Con todo, a reacción máis sorprendente que atopei cando as miñas amizades se decataron da miña mudanza de lingua non veu daqueles que mencionaba anteriormente. Veu doutros castelanfalantes coma min. «Qué envidia, ojalá yo pudiera, pero… no lo hablo bien». Unha e outra e outra vez. A cantidade de falantes potenciais coa que cruzaba era abraiante. Devecían por falar, mais ficaban quedos por medo a meteren a zoca. A algún conseguinlle arrincar o receo, levalo da manciña ata a beiramar e convidalo a bañarse canda min. Demostrarlle que non pasaba nada e que se podía nadar con manguitos ao comezo.

Por que a experiencia é tan diferente na Galiza do que en Barcelona? Será porque alí eu era de fóra? Será que cando esvaece a expectativa de ter a lingua xa dominada, vaise con ela a agresividade? Daquela temos que prescindir dos prexuízos. Se cadra hai galegos que non dominan o galego. Pois tanto ten. Se nos presta cando un inglés enceta coas súas primeiras frases, moito máis cando é un rapaz da Coruña quen amosa valentía para mudar. Mesmo se lle bailan os pronomes.

É cousa ben sabida que a lingua galega ou é neofalada ou non será. Benvidamos logo os neofalantes, porque deles será tamén a Galiza do futuro. Deixémoslles proclamar orgullosos e sen medo: «Si, eu son neofalante».


Unha primeira versión deste artigo foi enviada como participación para o XII Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo. Publicado despois en El ratón ciego.