Skip to content

Dende Rusia con amor (1963)

«Nena, é-lo plot device máis bonitiño que vin na vida»

Ninguén se esperaba o éxito do Dr No, e asi foi que sacaron o seguinte filme ás presas…

Intro

A intro contén os nomes dos participantes proxectados sobre dos corpos de mulleres a bailar a danza do ventre. O cal, se non sabes nada do filme, é confuso. Mais a técnica é chamativa. Emprega diversas partes do corpo e diversas cores e faina moi memorábel. A música é de novo o tema de James Bond coma en Dr No, mais durante os creditos finais (unha toma xeral de Venecia) soa xa unha canción ex profeso chamada “Dende Rusia con amor” – algo que eu botei en falla no anterior.

tl;dr: Superado o mindfuck da danza de ventre nun filme supostamente sobre Rusia, o certo é que son moi bos.

Argumento e temas

A ver, que este ten moito miolo. A axencia supranacional criminal SPECTRE faise pasar por SMERSH (a rama de espionaxe da URSS) para convencer a unha traballadora rusa do consulado de Estambul de que lle poña unha trampa a Bond. A trampa consiste en facerlle pensar que se vai render, xunto cun McGuffin. O plan de SPECTRE é que cando Bond apareza, o matan, e logo lle revenden ese dispositivo aos soviéticos. O MI6 sabe que é unha trampa, os soviéticos saben que é unha trampa, todo o mundo sabe que é unha trampa, e todos seguen o xogo porque senón non teríamos filme. Cómpre salientar que se fai moito fincapé en que o plan foi pensado polo campión mundial de xadrez, un checo que traballa coma número dous de SPECTRE.

No fondo, o filme do que vai é das tensións da Guerra Fría nos territorios neutrais e alleos á rifa (Turquía e os balcáns). Porque, non sei se o mencionei, mais só unha escea de todo o filme socede en Rusia. Non vos dixen que a intro era confusa? Agora a danza do ventre ten máis senso. E o título, menos.

tl;dr: Plans imposíbeis, axentes triples e espías a se perseguiren en círculo. Benvidos á Guerra Fría.

Bond

O máis sorprendente de Bond neste filme é que a meirande parte das cousas non as fai el, senon que lle van socedendo. Coma se el simplemente tivera saído mercar o xornal e lle foran ocorrindo tolas aventuras polo camiño, cando el só quería saber se o Lugo gañou esta xornada.

tl;dr: «A min ídeme mandando rapazas e eu sígovos o roio»

Vilán

Non é doado salientar quen é o vilán principal realmente. Hai moitos persoaxes a se partillar o tempo en pantalla. A orde de executar o plan deuna un tipo ao que non lle vemos a faciana e que aloumiña un gato (o que, todos sabemos, significa que é malo, malísimo!). O plan en si mesmo pensouno o xadrecista (que non volve asomar ata que leva o seu merecido). A que move os fíos é a segunda de abordo, unha especie de Frau Kaputt. A que o leva a cabo é a rapaza, que ten o mesmo senso de axencia que una torradora. Tamén hai un loiro matón que segue a Bond e que non fai nada ata que Bond o descobre – e entón o que fai é morrer. E coido que había outro sicario por aí do que nin sequera lembro para quen traballaba.

tl;dr: Se me descoido hai máis xente en SPECTRE que fóra dela.

Trebellos

Temos por fin un pequeno cameo de Q (inda que só lle nomean pola súa póla do goberno o non polo seu nome), e de feito Bond salva o cú moitas veces polos trebellos tolos que leva enriba. Incluindo unha maleta que ten cinco pasos para abrila sen que che estoupe na faciana. Pero ollo que os outros tampouco fican curtos.

tl;dr: Nunca lle limpes os zapatos a un ruso, levan coitelas envelenadas.

Social-progresómetro

Cómpre que diga que estoi moi sorprendido polo tratamento dos turcos e balcáns no filme; o aliado de Bond en Estambul proba ser un home moi capaz que leva as operacións con moito sentidiño e capacidade, disciplinado e de fiar.

Mais… no medio do filme hai unha escea na que van a un asentamento xitano e dúas mozas rifan por casar cun home, e chega o patriarca e dictamina que vanno resolver “polo método xitano” e entón as mozas comezan a se cravar as unllas no barro mentres toda a vila mira e sorrí. E logo hai un tiroteo e Bond mata moita xente e entón en agradecemento o patriarca decide mandar as rapazas para o carromato de Bond para que as probe e decida cal merece máis casar co outro home, e as mozas aparecen alí a meianoite no cuarto de Bond cun sorriso na boca para que as “cate”. Mátame camión.

tl;dr: Íamos ben ata que lles deu por falar dos xitanos.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.