Skip to content

Breath of the Wild

Rematei o Breath hai un par de semanas, pero non sabía que dicir del. Sentía que un xogo desta preeminencia merecía unha reseña exhaustiva e coidada. Mais habería tanto do que falar! Puf. Así que contarei só o que merece ser contado.

Gostei? Si, gostei. Ao comezo non. Non merquei o Breath de estrea: non tiña cartos cando saíu a Switch. Para me consolar, matei as penas conseguindo unha Wii de segunda man e xogando ao Skyward Sword que perdera na altura. Sería xa ano e pico despois, nun novo traballo e cartos no peto que puiden finalmente comprar a Switch e pouco despois este Zelda. Entremedias, tería tempo de ler milleiros de eufóricas referencias e nomeamentos a GOTY a esgalla. Mesmo así, non o abrín de inmediato. A unha obra de tal clase quería poderlle dedicar longas horas de seguido nos primeiros días, non quince minutiños tras cear antes de quedar durmido no sofá. Así que o gardei para cando voltase a casa dos meus pais polas vacacións de Nadal. Como o Ocarina no seu día. Como o Majora cando me cancelaran as clases por temporal. Mais cando chegou o vintepico de decembro e por fin o encetei, a súa tele resultou ser pequecha de máis para ver ben a interfaz—non se desfrutaba e non xoguei moito aquela semana.

Claro, durante todo isto, o meu hype interno seguía a subir máis e máis e máis e era xa irreal de todo. E acabou por estoupar sen clímax que puidera estar á altura. Que era isto. Un Zelda non, desde logo. Non había masmorras. Que era isto das armas que escachaban, eran todas como o Giant’s Knife do Ocarina. E tanto espazo “baleiro”. Ai, non sei. O Skyward gustárame tanto, tan lineal e tan intricada a súa historia, que non me acababa de entrar esta cousa tan atrapallada. Deixeino un tempo, desconsolado.

Conto sempre que o meu problema foi que eu o tomei como un Zelda de mundo aberto, e nese senso achábao mediocre. Pero un día espertei e de algún xeito comecei a pensalo como un mundo aberto de temática Zelda, e así era de algunha forma máis palatable. Ese troco na miña perspectiva permitiume darlle outra oportunidade e aprezalo polo bo que tiña. As mecánicas da pedra Sheikah eran profundas e moi versátiles: podía resolver os retos da forma que eu quixer. Afanábame por explorar un mapa que se descobría cada vez máis extenso e cheo de detalliños: cada kolog era un pequeno amigo que me aledaba encontrar. O trasfondo poscapocalíptico das ruinas resultábame fascinante: botábame aos libros ciscados sedento de saber máis. Abríanse fendas no meu escepticismo.

Tiven a sorte de me aventurar de primeiras pola zona Zora, a que resultou ser a miña favorita—ou talvez sexa a miña favorita por ser a miña primeira. Sexa como for, a subida pola ribeira do río envolto nunha incesante treboada fíxome sentir o terreo como un inimigo máis —por primeira vez nun Zelda?— e púxome a pel de galiña. Cada vez estaba máis aberto a que me podería ter enganado na miña valoración inicial, pero non me atrevía a ilusionarme.

Axiña me vin surfeando nas costas dun zora mentres chimpaba no ar a cámara lenta para lle disparar frechas eléctricas a un enorme elefante mecánico acompañado dunha banda sonora espectacular. Cos ollos case chorosos da éxtase, rendinme completamente ao evidente. Daba igual se aquilo era un Zelda de mundo aberto ou un mundo aberto de Zelda. Era un xogo impresionante e inmersivo como había tempo que non me atrapara ningún.

E non levaba nin o 5% do que me esperaba nos seguintes cinco anos.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions… ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándoa en Mastodon.