Skip to content

A soidade das redes sociais

(Aviso: esta nota estará tintada inevitablemente pola deformación da nostalxia. Pero non son o único que así o pensa, e coido que a análise é sólida e se sostén por si mesma, así que non deixa de ser certo.)

O meu descontento coas redes sociais actuais continúa. Esta vez, respecto do concepto de ter que procurar unha audiencia por ti mesmo.

Este é outro dos aspectos que eu contrapoño na actual web das redes sociais (Facebook, Instagram, TikTok e Twitter, que usarei neste fío por antonomasia) coas web 1.0 e 2.0 (as dos bbs, newsgroups e foros, que son o que usarei de contrapartida).

Antes, a internet era literalmente un conxunto de comunidades artelladas en torno a temas comúns onde ir falar, propór e discutir colectivamente. A comunidade era a unidade mínima da internet. Existían os blogues, pero eran satélites da actividade que acontecía nos foros, e ademáis o xeito habitual de discusión do contido dos blogues era nos foros —agás algunha excepción como Microsiervos que se discutía nos comentarios do post.

En calquera caso, nos foros, todos os temas tiñan o mesmo peso a priori. Non había likes nin retuits. Calquera usuario podía abrir un tema e a súa opinión era presentada en igualdade na lista de temas e comentarios. Se era ignorada era a posteriori, polo contido, e non por ser de quen era. Actuaban como puntos de encontro da xente: unha comunidade construída en colectivo, froito desa suma de grans de area. Ninguén pensaba en fomentarse a si mesmo. Un usuario activo e voluntarioso era en beneficio da comunidade, non do propio usuario.

No Twitter, pola contra, a un usuario novo non lle escoita nin o gato. Ten que facer o traballo por si mesmo de seguir outras contas, spamear respostas, usar hashtags, clickbait, etc para tentar crear ese falso engagement e que alguén por fin mire para o que di.

O éxito na era dos foros era definido de forma global: que o foro fose activo, que houbese movemento, temas, que a comunidade enteira fose dinámica. O éxito na era de Twitter é individual: os teus seguidores, os teus retuits, o teu engagement, ti ti e máis ti. É o triunfo da máxima neoliberal capitalista: se non es quen de atopar con quen falar é culpa túa. Esfórzate máis. Promociónate máis. Agora ti es outro producto de mercado na procura de compradores.

Baixo esa estratexia de atomizalo todo, resulta que en realidade nas redes sociais estás máis só que nunca. É un xogo no que cada un está mirando polo seu. A audiencia non é dunha comunidade ou interese común: é túa. Ti verás que tal che vai. Twitter é un conxunto de millóns de comunidades mínimas absolutas unipersoais baixo a ilusión de estaren a traballar xuntas.

E non podo terminar sen mencionar que encoraxar o individualismo fomenta aumentar que te consuman, e leva a un énfase en contidos curtos, rápidos, vacuos, disparados cantos máis mellor, que disuade da reflexión e da consideración e rebaixa o discurso e a empatía.

Por ser xusto, un foro ten tamén os seus defectos: pode ser arruinado por un moderador tiránico, é máis difícil talvez coñecer outros foros e comunidades (en Twitter chegas a xente que non sabía ter interese no tema, ou ten un interese máis ocasional), etc… Porén, coido que existen outras solucións ortogonais como os agregadores de ligazóns —Reddit, HackerNews, Delicious— ou os lectores de RSS con comparticións —como o vello Google Reader.

Estou farto de ser un producto que vender.


Publicado orixinalmente en Twitter.