Skip to content

X-Men ’97: T01

Canto e que ben se falou desta serie nas redes! Eu sentía estar nunha dimensión paralela, porque ficaba indiferente cando non aborrecido ante cada capítulo, e logo ía a Twitter e a xente extasiábase con ela, e eu viraba confuso como se me tivese enganado co mando da tele e puxera outra cousa.

O argumento érame atrapallado, contado ás presas, perdíame nas referencias como se alguén tivese arrincado parágrafos do guión. Non podía empatizar coas personaxes porque non había tempo a respirar, bulindo a trama como se corresen marcando algún tipo de checklist de todo o que había que contar e veña que se nos esgotan os capítulos.

A miña conclusión é que é café para os moi cafeteiros. Non é unha serie para rapaces senón para os señores que viron X-Men (92) cando saiu, iso xa o sabíamos. Pero para min que tamén é para os señores que lembran X-Men (92) e levan tragando BDs dos mutantes nos trinta anos que pasaron. Non precisan que se pare a explicar por que de súpeto unha muller decide chamarse Madelyne Pryor porque xa saben quen é Madelyne Pryor e xa sabían que era Madelyne Pryor: abonda que diga a liña e confirme que cumpriron con ese punto da trama, o público asinta sorrinte coa cabeza, e pasemos ao seguinte. O resto ficamos pampos vendo pasar a narrativa a fume de carozo como unha rolda de prensa sen preguntas. (E conste que eu xa sabía quen era Madelyne Pryor.)

Chegados ao penúltimo episodio, para min só a salvaba o feito de que os capítulos eran curtos e mira, xa que estamos aquí, véxoa rematar. Con todo, fiquei moi gratamente sorprendido co peche da tempada. Eu seguía sen entender a metade da trama que nos levara alí, pero no combo das dúas últimas entregas déronlle ao conflito final o espazo e perigo que un espera dunha serie deste tipo. Para esta resolución tomaron todo o tempo que lles debeu sobrar das outras e as escenas sucédense coa combinación de urxencia e epicidade que merece a severidade do que acontece. É algo que non creo ter visto nos superheroes des que en Endgame dedicaran un filme enteiro a desfacer o sarillo do vilán: un desenlace pausado no que recrearse degostando cada momento.

Así que, ben, non a podo recomendar de xeito xeral, pero estarei aí de novo para o 2×01. Gañaron dereito a prórroga. E ademais a animación é espectacular.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.

  1. @xurxo Pois eu acábome de enterar de que é unha serie nova e non a mesma que vin de neno nos 90 remasterizada 😓

  2. @xurxo Buen artículo. Creo que eventualmente miraré la serie, pero será luego de verme la serie de los 90s. Quiero prepararme para dirigir un jdr de marvel el año que viene.

  3. @wakimolo @xurxo ¡Gracias! ¿El JdR que dices es el Marvel Heroic Roleplaying? Escuché cosas decentes de él. Si lo llevases por la parte más adolescente de los mutantes el Masks encaja genial.

  4. @xurxodiz @xurxo
    Sí, sería con Marvel HR, que lo tengo y leí, pero nunca pude dirigir. Masks lo jugué en un evento y supongo que sería mejor, porque MHR es muy orientado a la acción, pero quiero sacarme las ganas con Cortex+.