Skip to content

Unbreakable, Split e Glass

O outro día caeu unha maratón desta triloxía de M. Night Shyamalan, polo que aquí vai un par de liñas sobre cada unha. Con spoilers, claro.

Unbreakable é boísima, adóroa des que a vin alá na súa estrea. Pode ademais pervivir por ela mesma, o cal sempre é de agradecer. Bruce actúa fantástico, verdadeiramente complexo, antes de que o personaxe de acción lle tragase por completo na seguinte década. En xeral adoro como o filme non require a capa de superheroísmo, é máis unha posíbel interpretación que un feito real. Nótase moi realista e mantén sempre o foco nas personaxes e como se senten, non tanto no que fan. Fabulosa, de verdade.

Split non está mal, sobre todo polo excelente que está McAvoy, unha auténtica barbaridade de talento que ten este home. (Taylor-Joy tamén, mesmo se o guión obviamente non lle da tantas posibilidades como ao outro.) O argumento non ten moitas sorpresas, en retrospectiva, e aínda así non perde a túa atención nunca. Lógrao usando un ton que para min é moi atinado, coa mestura exacta de ridículo e medo. Adoro, por exemplo, o impactantes que son os curtos momentos nos que a Fera sobe polas paredes. A idea dunha secuela «en segredo» é brillante e dáme mágoa non ter experimentado esa sorpresa no cinema, estou certo de que tería estourado da impresión co fan que fun sempre da primeira. Grata sorpresa, recomendada.

Glass pola contra… é unha merdallada. Comecemos polo obvio: Bruce non estaba para facer moito, pola súa crecente demencia, e de aí o seu papel reducido; non o culpo a el nin a Shyamalan por nada diso. Mais mesmo alén dese aspecto, o resto non achega moito.

De feito coido que caga por riba do bo que tiñan as anteriores, que era a súa verosimilitude. Unbreakable non deixaba de ser unha historia dun home forte e outro débil. Todo podía explicarse de xeito realista e así o facían xustamente as personaxes, tamén en Split. A «superheroicidade» era apenas a interpretación dos feitos que facía Elijah. Porén, esta peli reenmarca todo claramente no fantástico, ridiculizando esa posíbel explicación. Introducir unha organización tapadeira que controla todo troca de súpeto a magnitude das historias, de pequenas e contidas a ámbito mundial—unha muda demasiado súbita que non casa. Igual pasa co propio Glass: non acabo de crer a súa esaxerada caricatura desde home atormentado con delusións de grandeza e padróns a ser ultraintelixente capaz de anticiparse a todo.

En xeral todo se volve perralleiro para contar unha historia que, mesmo se pretende ser continuación, non encaixa co ton establecido e estraga o sabor da triloxía. Os poucos puntos inspirados (as cámaras de contención con auga e luces) non compensan o resto, incluíndo uns secundarios desaproveitadísimos (como non convertiron a Taylor-Joy en sidekick para así compensar o reducido papel de Willis?). Ata o terceiro acto, no que anuncia un clímax e non o entrega, non resulta un xiro interesante porque o clímax que ofrece no seu lugar é moito peor, así que supón unha decepción, non unha subversión.

Sobre o peche xa se ten escrito abondo: eu tamén coido que Shyamalan debía telo pensado de moito antes, porque pretender que no ano 2019 Despois dos Deepfakes unha manchea de vídeos pixelados de xente levantando coches abonden para expoñer e divulgar unha verdade universal en internet é ser moi inxenuo.

En resumo: podes pasar sen ela. Unbreakable e Split fan boa biloxía de seu.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.

  1. @xurxo Unbreakable é MARABILLOSA. Unha das miñas pelis favoritas, polo que dis. De Split vin anacos que me gustaron, de Glass vin anacos que me deixaron frío, así que… Concordo? A túa descrición de todo encaixa con todo o que teño escoitado e lido.