Skip to content

Último minuto do Neoloxismo do Ano 2021

Hoxe á noite pecha a votación ao Neoloxismo do Ano 2021! Facemos un pequeno repaso a como están as cousas a estas alturas?

En número de votos estamos algo por baixo da media doutros anos, así que é súper importante pasardes a ligazón aos vosos coñecidos. O efecto rede é exponencial: por cada persoa nova que se entere e o espalle máis xente virá votar, espallar e así!

O que si temos este ano é unha paridade entre homes e mulleres votantes como ningún ano anterior, cousa que me alegra moito. No que respecta á idade, priman as franxas máis novas: desta vez non estamos chegando tanto ás xeracións máis vellas.

Por provincias, o reparto é máis ou menos consonte coa poboación de cada unha… agás Lugo que está moi infrarrepresentada! Onde están os meus lucenses?

Imos agora coas protagonistas: as palabras candidatas! Temos catro auténticas pechacancelas que aínda non recibiron ningún voto 🤯 Noutros anos xa houbera coitadiñas que volveron a casa baleiras, mesmo dúas nalgunha ocasión, pero catro desta vez non ten precedente. E pola parte alta da táboa? Pois hai unha favorita que mantén o liderado, pero as dúas seguintes están moi pertiño de quitarllo en calquera momento. Unha delas, para min, inesperada.

Queredes unha pequena defensa de cada palabra? Eu síntome pai de todas elas por telas escollido, polo que se me pode considerar neutral… Velaquí o vai:

SENFOGARISMO pon o foco na falta da vivenda para unha vida digna, alén de termos como mendicidade ou pobreza. Aínda non está en ningún dicionario, mais non tardará: o seu uso creceu moito.

AUTOCOIDADO recolle a necesaria prioridade de cada persoa co seu benestar, especialmente no tocante á saúde mental. Entrou no DRAG en decembro de 2019 e nesta votación por moi pouquiño (como o ano pasado foi especial pandemia, tivo prórroga).

VACINÓDROMO é divertida (como un lugar onde se fan carreiras a ver quen vacina máis rápido) e moi icónica deste ano. Se tivese que apostar pola próxima en ser engadida aos dicionarios galegos, sería esta.

AUGADEIRO simboliza a normalización do eido astronómico en galego, e revitaliza unha palabra xa existente! Oficializado en novembro de 2020 por Salva Bará, Dosi Veiga e Martin Pawley entre outros, entrou no DRAG canda as súas compañeiras en febreiro deste ano.

DEBULLAR pode que se leve facendo toda a vida, pero sabías do seu novo significado? Cuarta acepción: «analizar un tema por partes». Engadida ao DRAG en febreiro deste ano.

Captura do DRAG onde se le a cuarta acepción de «debullar» canda unha nota que indica que foi engadida en febreiro de 2021.

STREAMER xa non é só un hobby marxinal: é un posible oficio, unha forma nova de chegar á xente, e de entender as retransmisións dixitais. Ausente (por agora) dos dicionarios.

AEROXERADOR, e nunca *aeroxenerador*, é unha palabra coa que ninguén debería de vacilar. Será a súa victoria a vía para desterrar o castelanismo? O Estraviz xa a recolle desde hai unhas semanas.

Ata agora EÓLICO era só un adxectivo, pero evoluíu adquirindo tamén un uso substantivo do que costa decatarse polo natural que soa. Non tardarán moito os lexicógrafos en recollelo.

Adoitábamos pensar no negacionismo (por exemplo do holocausto) como algo quizáis nebuloso, un pensamento… pero este ano decatámonos de que detrás existían persoas, NEGACIONISTAS: a encarnación e base deses movementos. No Estraviz desde este mesmo ano.

Durmir presta moitísimo, pero sabes o que presta moito máis? MIMIR (e de cunchiña, nin che conto). No Estraviz xa o saben, engadírona este mesmo ano.

NFT. Detrás de apenas tres letras e un concepto imposíbel de explicar, fica o mundo da arte completamente revolucionado. O seu impacto foi brutal. A máis rara de todas: a primeira vez que se inclúen siglas nesta votación. Ningún dicionario a inclúe polo de agora.

Cal destas once debe gañar? A decisión é túa.

Ata aquí este repaso. Seguro que xa vos tarda saberdes o resultado final. Conectádevos esta cuarta feira (mañá mércores) ás 20:00 ao meu Twitch para a revelación en directo. Namentres, espallade a ligazón á votación por toda a rede. Ata mañá!


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.