Skip to content

#Tópicos e @vocativos

Unha idea revolucionaria coa que crucei en Twitter e que adoro: @ e # son morfemas gráficos. A ver como vos soa.

#: o tópico

Comecemos por #: o uso de # é para marcar un tópico, un tema da frase como central.

Hoxe véñovos falar de #ecoloxismo.

Contrastade con:

Hoxe véñovos falar de ecoloxismo.

No primeiro caso hai un esforzo por marcar a palabra ecoloxismo como saliente, especialmente relevante, e por engadila (no caso de Twitter e outras) á conversación global sobre ese tema. Isto é: o falante decidiu conscientemente que esa frase xiraba ao redor dese tema, tanto que merecía ser marcado. É, pois, unha marca de tema e polo tanto é # un morfema con significado.

@: o vocativo

Vamos agora con @: o uso de @ é unha marca de vocativo, unha chamada á atención.

A min gustoume, e sei que a @Paulo tamén.

Contraste:

A min gustoume, e sei que a Paulo tamén.

No primeiro caso non só se menciona a Paulo, invócaselle para que se una á conversa. Queres explícitamente chamar a súa atención (cunha notificación). Na segunda non chama polo outro, hai diferente consecuencia conversacional: non hai vocativo. Nun caso quérese incluir ao terceiro e noutro non. Sería o equivalente, segundo o amigo Ivan, de dicir: «Oi, Luís! Mira, Jorge, onte dixo-me o Luís que…»

Que vos parece? Eu véxolles similitudes como para explorar a idea. A min lémbranme ás partículas doutros idiomas (como o xaponés) con eses usos. Mesmo ata se pronuncian, a veces! Seguro que algunha vez ouvistes a alguén así máis moderno dicir “Estou hashtag cansado” ou “Mañá imos de hashtag brunch”. (É algo xeracional, iso si).


Sintetizado a partir dunha conversa en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.