Skip to content

Star Wars: revisionado da Saga Skywalker

Estes días revisitei a saga enteira de STAR WARS e aquí vai a miña opinión de cada filme, vistas en conxunto, e co beneficio da distancia no tempo nalgúns casos. A revisita foi en orde de saída nos cinemas, agás Rogue One e Solo que trocaron postos por cronoloxía.

A NEW HOPE (1977): Para a altura seguro que foi revolucionaria, hoxe xa non ten ese factor pero segue a ser outro entretido filme de aventuras que pasa voando.

THE EMPIRE STRIKES BACK (1980): Sobrevalorada. En revisión non aburre pero tamén non acontece nada realmente (todo o mundo a dar voltas e non chegar a ningures), e o xiro final pois perde toda a forza.

RETURN OF THE JEDI (1983): De cativo adorábaa (pode que polo xogo de Game Gear) mais agora véxolle as costuras (eses ewoks…), ainda que segue a estar ben e o final é épico.

THE PHANTOM MENACE (1999): Sorprendentemente boa! Jar Jar non molesta tanto (MOITO PEOR che son C3PO e R2D2 nas antigas) e o argumento é ben levado e interesante.

ATTACK OF THE CLONES (2002): Pésima, horríbel, a peor de todas de lonxe. Longuísima, aburrida, sobra metraxe, sobra todo (excepto a viaxe a Kamino).

REVENGE OF THE SITH (2005): Está mais ou menos ben, ainda que ten que bulir a facer todo o que Attack of the Clones non fixo. Iso si, as loitas coas espadas sobran (son para encher minutos, xa sabemos o resultado, non achegan nada).

SOLO (2018): Mellor do que lembraba, ainda que semella que todo o importante na vida de Han aconteceu no mesmo ano. Gardar a Lando para unha secuela na que fosen compañeiros de aventuras tivera sido baza segura.

ROGUE ONE (2016): Segue a ser a máis sólida, con escenas e personaxes memorábeis. Tecer toda unha nova perspectiva da rebelión partindo dun mínimo detalle é maxistral.

THE FORCE AWAKENS (2015): Outra das mellores. Que estea básicamente a contarnos A NEW HOPE outra vez e ainda así non nos importe é incríbel. Bos vimbios para o inicio da nova triloxía.

THE LAST JEDI (2017): Canto máis a vexo máis gosto dela. Star Wars da para moito máis que o típico filme de aventuras sota-cabalo-rei, é todo un mundo, e aquí explótanse novos xiros, novas tramas argumentais realmente brillantes e orixinais.

THE RISE OF SKYWALKER (2019): Non é a peor porque existe ATTACK OF THE CLONES. Ten mesmo mérito ser quen de ser inverosímil e predecíbel ao tempo. Horrenda, desfai todo o bo traballo que fixo THE LAST JEDI. Para queimar e finxir que nunca existiu.

BONUS STAGE: O guión orixinal que se filtrou para o Episodio IX orixinal é brutal e valente, o tipo de filme e conclusión que merecíamos. Finn incitando stormtroopers ao motín, Hux facendo harakiri cun lightsaber, Rey abrindo unha escola da Forza “gris” (nin jedi nin sith)… 😞


Publicado orixinalmente en Twitter.

Podes interaxir con esta entrada de moitas formas: con pingbacks, con webmentions ou simplemente respondendo a través do Fediverso, por exemplo visitándela en Mastodon.